A avaliación dos tres primeiros anos do Plan Estratéxico de Galicia
(PEG) 2015-2020 mostra o alto nivel de cumprimento dos obxectivos
marcados inicialmente e evidencia que Galicia está en condicións de
cumprir os grandes retos do Plan establecidos para 2020.
Así o
expuxo o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos
durante a súa intervención na Comisión 3ª de Economía, Facenda e
Orzamentos, para informar sobre as actuacións de seguimento do Plan,
unha folla de ruta transversal que está a permitir consolidar a
recuperación económica e un modelo de crecemento san, inclusivo e
sostible.
Miguel Corgos destacou que os resultados neste período
son positivos. Neste sentido, informou de que durante o período de
vixencia do Plan, o número de empresas que se beneficiaron de axudas
para o fomento da I+D+i, a competitividade empresarial e o apoio á
inserción laboral ascende a preto de 14.000; e o importe medio concedido
por empresa supera os 14.400 euros.
Ademais, subliñou que máis de
19.500 persoas se beneficiaron de accións de fomento da
empregabilidade, o 51,4% delas, mulleres. Por outra parte, o número de
persoas que participaron en programas de prevención da dependencia foi
de 48.215, un 63,8% mulleres.
Durante a súa intervención, o
director xeral tamén destacou que no 2017, o maior número de axudas
concedidas foron as de fomento das enerxías renovables, seguidas das
axudas concedidas en eficiencia enerxética, as de acceso á vivenda e das
destinadas á rehabilitación de vivenda.
Finalmente, lembrou que
Galicia foi pioneira en elaborar un Plan Estratéxico como ferramenta de
planificación e un exemplo para outros territorios. Así, o PEG 2015-2020
está sendo unha ferramenta de planificación útil para a Comunidade
Autónoma e para os cidadáns e “queremos seguir con esta folla de ruta
para consolidar no 2020 un crecemento máis equilibrado, inclusivo e
sostible”, apuntou.