El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

GALICIA | CENTROS EDUCATIVOS

Os contratos-programa chegan a 572 centros educativos, un 21% máis que o curso pasado

09-02-2019 11:43:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros seleccionados con contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2018/19. Serán en total 572 centros os que desenvolvan 1.623 accións nalgunha das 7 liñas de actuación dos contratos-programas.

O número de centros implicados increméntase deste xeito nun 21% fronte aos 473 participantes o curso pasado nesta acción. Aínda así, a Consellería atenderá todas as demandas de profesorado externo adicional para desenvolver estas iniciativas, contratando 295 profesores e profesoras. No referido aos docentes dos propios centros que se implican no desenvolvemento destas accións, serán 374 en toda Galicia.

Segundo as estimacións, os contratos-programa chegarán este curso académico a 351.817 alumnas e alumnos. Canto ao investimento, a Consellería destinou a estes contratos-programa un total de 5.742.683,5 €. A resolución definitiva pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.


Liñas de actuación

A través de sete liñas de traballo concretas os contratos-programa inciden en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe e articulación de respostas axeitadas, o fomento dun bo clima na aula e no centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe, a atención educativa aos colectivos vulnerables, a adquisición de competencias clave, o fomento da igualdade e a coeducación, a participación das familias ou a mellora da xestión dos centros, entre outros.

A primeira liña, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Pola súa banda, a liña 2 céntrase nas accións para a Mellora das competencias clave, en especial da matemática. O desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións para a mellora da comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

A liña 3, de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa; mentres que a liña 4 se centra na prevención do abandono educativo temperán e do absentismo escolar.

A quinta liña está orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia. Trátase dunha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado. Pola súa banda, a sexta liña está conformada por un conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

Finalmente, a sétima liña de actuación ten por obxectivo o reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo. O desenvolvemento desta actuación supón a creación de grupos de reforzo da competencia matemática, da competencia en comunicación lingüística e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. En todo caso, priorizarase a competencia matemática.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias