El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Piñeiro Docampo
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón ofrece un BNG unido e con proxecto como a mellor opción "para apostar" no 26M

09-02-2019 12:59:45
Ana Pontón (c), portavoz nacional.

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu o Consello Nacional destacando os retos dos próximos meses que concretou nunha axenda social marcada pola defensa da sanidade pública e por un 8M chamado a ser outra “mostra de forza” do feminismo galego e, sobre todo, a cita electoral das municipais e europeas.

Un 26M, salientou a líder nacionalista, que o BNG pode encarar cohesionado e con proxecto definido: “É o momento de apostar por Galiza, e a mellor maneira de facelo, dígoo con humildade pero con clareza, é da man deste BNG que está unido e no que temos un proxecto claro para o país”. Con esas bazas, recalcou, “podemos encarar estas eleccións sen autolimitarnos e coa vontade de liderar un tempo novo, se facemos daremos un paso decisivo o 26M que sexa o principio do fin do decenio negro de Feixóo”.

É máis, nun contexto de involución democrática,  que no caso de Galiza hai que sumar o lastre da irrelevancia política, Pontón ve “máis necesario ca nunca este BNG forte que tende a man a toda as persoas que pensan que un futuro mellor só é posible desde forzas propias”.

De feito, a discriminación nos orzamentos do Estado “mostra canto precisa este país unha forza sen tutelas nin ataduras” ao tempo que constata, unha vez máis, “a inutilidade para Galiza das forzas estatais, de dereitas, de esquerdas ou das que prometeron cambialo todo e non cambiaron nada. Tres versións distintas cun denominador común: que pasan olimpicamente deste país”, denunciou Pontón.

“Este pobo merece respecto e iso demostrase con investimentos xustos”, proclamou, lembrando que as cifras de inversión medran en Andalucía, Catalunya, Valencia, Madrid, Aragón, Asturias ou Estremadura, mentres baixan un 19% en Galiza. Pese a iso, ningunha forza estatal presentou unha emenda, -onte rematou o prazo-, a favor dos intereses dos e das galegas.

“Ímolo facer nós no próximo pleno cunha proposta de 2.000M€ como mínimo, a mesma cifra de investimento que hai 10 anos cando o BNG, da man de Francisco Jorquera, condicionaba os orzamentos do Estado”, avanzou. 

Pontón presentou ao Bloque como un “muro de contención” contra esa irrelevancia política “a que nos conducen quen nos goberna”, pero tamén contra a involución democrática “agravada por unha dereita botada o monte, en pleno frenesí españolista, que está mostrando a súa peor cara, -machista, racista e antigalega-, e que carreta autobuses a Madrid en contra do diálogo e en contra dos intereses de Galiza”.


A ritmo de bolero 

Neste contexto, a líder nacionalista ve un presidente da Xunta pregado ás ordes do seu xefe de filas en detrimento dos e das galegas. “Volve demostrar que as súas prioridades son primeiro o PP, segundo o PP e terceiro o PP, abrazando o discurso da ultra dereita que lle marca Casado”, criticou Pontón botando man da ironía. “Como di o bolero: si tu me dices ven lo dejo todo. Casado díxolle ven, e Feixóo apurouse para coller un avión desde Nova York e plantarse en Madrid. Que bo vasalo se tivese un bo señor!”.

En contraposición, subliñou, “no BNG temos calaras as prioridades e ao lado de quen temos que estar, que son os milleiros de galegos e de galegas que se van manifestar nas rúas de Santiago en defensa da sanidade pública. Esa é a distancia que nós separa de Feixóo e do PP”.


Aumento da afiliación 

Pontón pechou a súa intervención ante o Consello Nacional facendo un chamamento a implicarse, “porque son tempos de mollarse e de actuar con rebeldía para gañar o futuro”. Neste sentido, desvelou que o BNG está recibindo un “aluvión” de solicitudes de información e novas afiliacións “de galegos e galegas que deciden activarse politicamente sumándose ao Bloque”.

“Representa unha alegría ver que, nun escenario de desesperanza e frustración, cada vez máis xente pousa en nós a ilusión dun cambio real, a esperanza de que as cousas sexan diferentes”, declarou, “pero tamén representa unha responsabilidade porque temos que estar á altura dese reto. Non imos fallar porque o país digno, próspero e con futuro que soñan é o que nós soñamos”.

Por iso, instou a toda a organización a afrontar “con confianza e decisión” o reto electoral. “Sei que traballamos desde a humildade e desde a convicción de que o BNG é a mellor opción para os concellos e para o Parlamento europeo. Pídovos a todos e a todas que sigamos traballando e sumando para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias