El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

ECONOMÍA

Galicia mobilizará máis de 31 millóns en proxectos de I+D+i

10-02-2019 12:34:15

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da terceira edición do programa Fábrica Intelixente, dotada con 12,7 millóns de euros e coa que se prevé mobilizar preto de 31,3 millóns, para apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia.

Na convocatoria, que vai en liña co reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e a Axenda Industria 4.0, establécense dous prazos de presentación de solicitudes: un ata o 8 de marzo e outro ata o 31 de xullo de 2019.


Os destinatarios destas axudas son grandes empresas e pemes e organismos de investigación que conten con centro de traballo permanente en Galicia. Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación, aínda que os organismos de investigación só poderán participar se colaboran cunha empresa. Financiaranse proxectos empresariais de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación en materia de organización e de procesos, con axudas de ata o 80% dependendo do tipo de proxecto e de empresa.


Entre as principais novidades desta edición destaca a redución do orzamento mínimo dos proxectos (de 4 a 2 millóns de euros) para permitir unha maior participación das pemes. Ademais, auméntase o prazo de execución (de 2 a 3 anualidades). Outros requisitos esixibles para acceder á convocatoria son: ter un orzamento mínimo de 2 e máximo de 10 millóns de euros; unha duración mínima de 3 anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais.


O programa de Fábrica Intelixente complementa outros apoios postos en marcha pola Xunta co obxectivo de mobilizar investimento privado e dar resposta aos retos de futuro a través de alianzas estratéxicas con empresas líderes como as Unidades Mixtas de Investigación ou a Civil UAVs Initiative.
 
Na primeira edición desta convocatoria aprobáronse proxectos liderados por PSA e Televés, mentres que a través da segunda convocatoria apoiáronse as iniciativas lideradas por Finsa, Cupa e Copo. En total, entre as tres convocatorias mobilizaranse máis de 213 millóns de euros en proxectos innovadores que adaptarán as fábricas galegas á Industria 4.0, mellorando así a súa competitividade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias