A Xunta de Galicia realizará de xeito inminente a convocatoria de
novas oposicións para cubrir un total de 847 prazas de emprego público
na Administración galega. Estas 15 convocatorias serán publicadas no
prazo máximo dun mes no Diario Oficial de Galicia (DOG), e desde ese
momento abrirase un prazo para que as persoas interesadas poidan
apuntarse.
O director xeral da Función Pública, José María
Barreiro, anunciou hoxe a posta en marcha duns procesos para o acceso á
Xunta de Galicia “sen precedentes nas últimas décadas”. Neste sentido,
recalcou que a totalidade dos procesos que se convocan serán de acceso
libre -coa reserva obrigatoria de prazas para a promoción interna que
establece a lei-, polo que se poderá presentar calquera persoa que
cumpra os requisitos da convocatoria, e o sistema de cobertura será a
través de concurso-oposición.
Nunha rolda de prensa, Barreiro
detallou cales serán as oposicións máis relevantes. En primeiro lugar, a
Xunta de Galicia convocará 305 prazas para auxiliares de clínica, con
obxecto de reforzar principalmente os centros de política social,
atención a maiores, ou dependentes. O requisito para poder participar
nesta convocatoria será a titulación de Formación Profesional
habilitante para exercer esta profesión sanitaria.
A Consellería
de Facenda tamén convocará 269 prazas para reforzar outro servizo
prioritario, o de Prevención e Extinción de Incendios Forestais. Neste
eido, a Xunta realizará convocatorias para tres categorías distintas:
102 prazas de condutor, 92 de bombeiro-forestal e 75 de
emisoristas-vixiantes. A titulación requirida para poder participar
nestas oposicións será o título de ESO ou equivalente.
En terceiro
lugar, a Xunta de Galicia convocará de xeito inmediato 208 prazas de
persoal subalterno, é dicir, empregados públicos que traballan nas
consellerías da Xunta, en centros educativos ou tamén en centros do
ámbito dos servizos sociais. Na práctica totalidade das prazas non se
precisará titulación específica para poder participar.
Ademais,
convócanse 54 prazas para o ámbito da seguridade e saúde no traballo, a
través de sete oposicións en distintas especialidades. E, finalmente,
haberá outras 11 prazas para dúas escalas de alta cualificación: sete
prazas nas escalas de estatística e outras catro na escala de letrados
da Xunta, responsables da defensa xurídica da Comunidade Autónoma.
O
director xeral explicou que, unha vez trasladadas as convocatorias aos
órganos de representación sindical, a Xunta publicará no DOG cada unha
destas 15 oposicións. Desde que se publique a convocatoria ata a
realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para
que as persoas inscritas poidan anotarse e preparar as probas e para
que a Administración galega poida organizar os dispositivos necesarios.
Agárdanse milleiros de persoas
José
María Barreiro informou de que a Xunta agarda unha participación masiva
nas probas, dado o importante volume de prazas nas principais
convocatorias. Isto obrigará á Administración autonómica a realizar un
esforzo de loxística coa mobilización de milleiros de persoas, incluíndo
as persoas que se presentan ás oposicións, os membros dos tribunais e o
persoal da Xunta responsable da organización e supervisión dos exames.
De
feito, o responsable da Función Pública destacou que unha parte destas
probas vanse realizar no recinto feiral de Silleda, dado que este espazo
cumpre os requisitos de centralidade e seguridade necesarios para
desenvolver con éxito as oposicións. Finalmente, Barreiro avanzou que a
Xunta mantén o compromiso de aprobar neste primeiro trimestre do ano a
Oferta de Emprego Público para 2019, e avanzou que nos vindeiros meses
seguiranse convocando novas oposicións para o acceso á Administración
galega.