El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA | PAZO DE MEIRÁS

A Deputación solicita ao Director da Memoria Histórica que inste a presentar a demanda para recuperar o Pazo de Meirás

11-02-2019 14:57:39

A Coruña | A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, dirixiuse de novo ao Director Xeral da Memoria Histórica do Goberno Central para instalo a iniciar a demanda para recuperar o Pazo de Meirás para patrimonio público. Reclámalle "celeridade e decisión" para botar a andar un proceso para o que, segundo apuntou, "existen argumentos reais e probas contundentes que nos achegan os informes xurídico e histórico encargado a instancia da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás".  

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, institución promotora da creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, Goretti Sanmartín Rei, recórdalle ao Director Xeral da Memoria Histórica, Fernando Martínez López, a "urxencia e necesidade" de iniciar desde o Goberno Central o proceso xudicial para recuperación do inmóbel en mans da familia Franco para o Patrimonio Nacional.  

Na súa nova carta dirixida a Fernando Martínez, Goretti Sanmartín mostra preocupación pola falta de resposta da Dirección General de la Memoria e afirma que tanto o informe histórico -elaborado por un equipo de investigación dirixido polo profesor Emilio Grandío- como o xurídico -redactado baixo a dirección do profesor Xabier Ferreira- achegan probas contundentes que confirman a propiedade pública do inmóbel e a condición de contrato simulado o documento de compra por parte de Francisco Franco polo que "hai razóns para iniciar un proceso xudicial exitoso".  

Na súa carta, Goretti Sanmartín afirma tamén que a recente sentenza xudicial que desestima a demanda do Concello de Santiago de Compostela para a devolución das dúas estatuas de Mestre Mateo "non debe afectar nin paralizar a decisión política de recuperar a propiedade que é pública e responde a unha demanda social de décadas".  

"Está claro que os sorprendentes argumentos empregados pola xuíza para a desestimación non teñen repercusión no caso do Pazo de Meirás xa que non se podería aplicar a figura de usucapión ao estar demostrado que é unha propiedade de Patrimonio Nacional", sinala Goretti Sanmartín.  
Lembra tamén, como indican os informes que foron remitidos en agosto do pasado ano á Dirección General de la Memoria Histórica, que o Pazo se destinou ao uso do Xefe do Estado como residencia de verán e lugar de xuntanza do Consello de Ministros e que só posteriormente se asinou un contrato privado de compra que a investigación elaborada comproba que é simulado.
 
"Temos seguridade de que hai razóns para iniciar un proceso xudicial exitoso para recuperar o Pazo de Meirás para ben público", afirma Goretti Sanmartín nunha carta en que reclama ao director da Memoria Histórica, "celeridade e decisión" para instar ao Goberno central a interpoñer a demanda para recuperar o inmóbel. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias