El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | SANIDADE

Sanidade creará unha Comisión interdepartamental de coordinación para a prevención do suicido

17-02-2019 11:30:45

A Consellería de Sanidade creará a Comisión interdepartamental de coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas en Galicia, prevista no Plan de Prevención do Suicidio de Galicia, co obxecto de garantir a coordinación en materia de prevención do suicidio entre os diferentes sectores implicados. A tal efecto, a Administración sanitaria regulará, a través dun decreto, a creación do devandito órgano colexiados, a súa composición, funcións e réxime de funcionamento. Con esta actuación, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña reafirma o seu compromiso en relación ao problema do suicidio como unha prioridade na axenda da atención á saúde mental, co obxectivo de dar unha resposta integral das institucións cara a súa prevención e conseguir que a mesma sexa unha prioridade multisectorial, integrando a todos os axentes implicados nesta estratexia.

A Consellería de Sanidade subliña que o problema da conduta suicida require para a súa correcta abordaxe a atención desde diversos ámbitos: sanitarios, sociais e educativos, entre outros. Polo que é necesaria unha correcta colaboración e coordinación entre as distintas institucións implicadas, de aí que unha das medidas que recolle o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia no desenvolvemento das súas liñas estratéxicas, é, precisamente, a constitución dunha comisión interdepartamental que garanta a coordinación en materia de prevención da conduta suicida entre os diferentes sectores implicados.

A comisión interdepartamental estará composta por unha presidencia, que ostentará a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria; unha vicepresidencia, que ocupará a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, e unha secretaría, cargo que ocupará un funcionario do servizo de Saúde Mental e Drogodependencias.

Tamén contempla 12 vogalías que estarán ocupadas por representantes das consellerías de Xustiza, Educación e Política Social, da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Imelga, do 061, de Feafes e unha representación multidisciplinar dos profesionais do Sergas. O novo organismo terá entre a súas funcións, supervisar a implantación do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, valorar a información sobre os indicadores das medidas estratéxicas do plan, a revisión periódica dos protocolos e as accións de coordinación desenvolvidas.


Plan de Prevención do Suicidio

Cómpre subliñar que o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia busca o dobre obxectivo de reducir a taxa de suicidio e de establecer mecanismos de coordinación para posibilitar que diferentes organismos poidan sumar os seus esforzos para traballar conxuntamente na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas que levan a cabo un intento de suicidio, así como dos seus familiares.

Como dobre obxectivos, o devandito plan pretende aumentar a coordinación entre as institucións e os axentes implicados na prevención da conduta suicida; aumentar a sensibilización e a concienciación da sociedade, a prevención e a abordaxe integral, así como a investigación e o coñecemento e mellorar a atención que dende a Administración sanitaria se lles presta tanto ás persoas que presentan conduta suicida como aos seus achegados.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias