Co gallo do Día das Letras Galegas, que
este ano está dedicado ao investigador e profesor Antón Fraguas Fraguas,
a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a
Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega, en
colaboración coa CRTVG, deseñaron un amplo programa de actividades que
abranguen iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo,
empresarial, musical e escénico, entre outros, dirixidas a todos os
públicos, e que terán como acto central o propio Día das Letras, o
vindeiro 17 de maio.
Román Rodríguez –no nome das consellerías
Cultura e de Educación, da Secretaría Xeral de Emigración e da EGAP–,
subliñou que a celebración deste ano supón seguir pagando as débedas do
recoñecemento aos grandes intelectuais galeguistas “que nos marcaron o
camiño durante o século XX”. O conselleiro destacou o seu papel a fronte
de distintas institucións culturais do país e lembrou que Fraguas foi
“sempre e en toda hora exemplo de xenerosidade e home de
reconciliación”, que escribiu sobre Galicia dun xeito práctico,
“pensando na construción de Galicia”. O titular de Cultura concluíu
resaltando o carácter afable e conciliador do persoeiro, “clave –ao seu
ver– para pilotar a transición cultural de Galicia” e que deixa “un
exemplo que cómpre imitar”.
Na rolda de prensa participaron,
ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor Freixanes; a
presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o
presidente da Fundación Antonio Fraguas e presidente do Museo do Pobo
Galego, Justo Beremendi González; o alcalde do Concello de
Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a concelleira responsable de Acción
Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novo Rei; e o director de
contidos da CRTVG, Fernando Ojea.
Iniciativas de participación social e fomento da igualdade
Froito
dun traballo transversal e colaborativo entre as institucións e a
familia do autor, a programación prevista como homenaxe a Antonio
Fraguas Fraguas abrangue multitude de iniciativas de participación
social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións
musicais e actividades no ensino, nos concellos e en toda a Rede de
Bibliotecas Públicas.
Neste eido cómpre destacar a VI Carreira
Camiño das Letras; as campañas institucionais impulsadas desde o ámbito
empresarial en colaboración con Feiraco, Vegalsa-Eroski ou Renfe; os
vinte certames, obradoiros e contacontos organizados polas bibliotecas
públicas, concellos a EGAP ou a Cidade da Cultura. Ou outras iniciativas
de participación social e lecer como Canta miña pedra, canta, unha
proposta destinada ao público familiar da que de poderá gozar en
concellos da Rede de Dinamización Lingüística a través de catorce
espectáculos de música e narración, da man dos artistas Xoán Curiel e
Charo Pita. Xornadas de portas abertas, roteiros e funcións teatrais,
entre outras, completan esta parte da programación na que participan o
Concello da Estrada, o de Cerdedo-Cotobade, o Mupega, a Cidade da
Cultura, a Agadic ou a Egap.
Exposición central conmemorativa e outras
No
ámbito expositivo está prevista unha exposición central conmemorativa
itinerante Antonio Fraguas, Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia
orgullosa de si mesma, que percorrerá 12 concellos das catro provincias
para darlle a coñecer ao público xeral a obra e a figura de Fraguas.
Esta mostra, que se iniciará en abril na Biblioteca Ánxel Casal de
Santiago de Compostela, viaxará até decembro a Amoeiro, Arteixo, A
Coruña, Celanova, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ferrol, Lugo, Ourense,
Pontevedra e Vigo.
Así mesmo, neste momento xa están previstas
outras 16 exposicións bibliográficas, artísticas, antropolóxicas e
etnográficas no Museo do Pobo Galego, nas bibliotecas públicas da
Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, na
Biblioteca de Galicia e na EGAP.
Propostas no exterior
A
Rede de Centros de Estudos Galegos dedica todo o ano a difundir as
letras galegas en universidades de Europa, América e Asia. En concreto,
seis universidades españolas, dúas portuguesas e unha alemá acollerán
relatorios arredor da vida de Antonio Fraguas. Cinco centros de estudos
galegos optan por exposicións biobibliográficas en diferentes formatos.
Ademais, hai programados encontros literarios e recitais poéticos nos
tres centros de estudos galegos de Italia, en Lisboa e no Algarve, no
Río de Xaneiro e en Barcelona. Concertos, congresos, obradoiros e mesmo
programas de radio completan esta parte da programación.
Finalmente,
a colectividade galega na emigración ten pechado até o momento un amplo
conxunto de actividades que se celebrarán ao longo de todo o ano para
conmemorar a figura de Fraguas. Inclúense conferencias, feiras,
concursos, exposicións, proxeccións audiovisuais, recitais e concertos.
Confirmaron a súa programación até o momento o C.C. y R. Alma Gallega de
Montevideo (Uruguai), o Centro Galego de Ceuta, o Centro Galego de
Fuenlabrada, o Centro Galego de Tenerife, o Centro Galego de Valencia, a
Sociedade do Recreio dos Anciãos de Rio de Janeiro. Os distintos
programas de actividades dos Centros teñen a colaboración da Secretaría
Xeral de Emigración.
Home das institucións culturais do país
Antonio
Fraguas (Loureiro, Cerdedo-Cotobade, 1905–Santiago de Compostela, 1999)
foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala,
así como director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia.
Estudoso da nosa realidade cultural desde diferentes ámbitos, destacou
sobre todo no eido da antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron
decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento na nosa
identidade. A RAG destaca entre as razóns para dedicarlle a don Antonio
o 17 de maio a súa continuada defensa da lingua propia de Galicia como
idioma de expresión válido para abordar calquera área do coñecemento e a
coherencia do seu percorrido vital, guiado pola lealdade ao seu pobo.