El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | MÚSICA

Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord e Rosalía protagonizarán a segunda edición do festival "O Son do Camiño"

22-02-2019 18:06:26
Presentado O Son do Camiño.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe a segunda edición do festival O Son do Camiño, a gran cita musical coa que a Xunta de Galicia está a promover o Xacobeo 21 e que, un ano máis, congregará a artistas de primeiro nivel no Monte do Gozo. Este evento, que se celebrará os días 13, 14 e 15 de xuño, volverá situar a Galicia no panorama musical a nivel internacional con destacados artistas que, en moitos casos, visitan Galicia por primeira vez. 

Tras o éxito acadado na primeira edición, con 84.000 asistentes, O Son do Camiño estará protagonizado este ano novamente por recoñecidos artistas e bandas de música de primeiro nivel como Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord, Rosalía, Bastille, Richard Ashcroft e Bloc Party, entre outros. Así o deron a coñecer en rolda de prensa na Cidade da Cultura as empresas organizadoras do festival, representadas por Carlos Rodríguez, de Esmerarte Industrias Creativas, e Iván Méndez, de Bring The Noise. Igualmente participou Víctor Mantiñán, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia.

Román Rodríguez subliñou durante a súa intervención os sobresaíntes datos obtidos en 2018, cando se esgotaron os abonos para os tres días en só unhas horas. A celebración, lembrou o conselleiro, supuxo “un forte impacto social e económico” en toda Galicia e especialmente en Santiago de Compostela e a súa comarca. “O retorno económico cifrouse en máis de 12 millóns, unha cantidade moi superior a achega da Xunta como patrocinador”, explicou. “Este éxito traduciuse nun auditorio abarrotado e confirmou a revitalización do recinto do Monte do Gozo, afondando así na recuperación deste espazo”, declarou. 


83% de provedores galegos 

A Xunta mantén a súa aposta por un acontecemento estratéxico a nivel cultural e turístico e achegará, como patrocinador principal, 2,5 millóns de euros, 500.000 menos que en 2018. Trátase dunha contía, como se puxo de manifesto, moi inferior ao notable retorno e o impacto económico xerado, o que confirma a O Son do Camiño como un extraordinario vehículo de promoción que, ao mesmo tempo, incrementa a oferta musical de Galicia. 

A súa celebración supón unha oportunidade económica para os profesionais da nosa Comunidade. O ano pasado o festival xerou 850 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, o 83% dos provedores contratados para a celebración deste festival foron tamén galegos. O obxectivo, como expuxo o conselleiro, e consolidar e mellorar estas cifras, xerando así un efecto positivo e rexistrando un éxito de público e de crítica. 

Xa en 2018 os establecementos de aloxamento acadaron un 100% de ocupación grazas á chegada de viaxeiros de todo o mundo. En concreto, un 10% dos asistentes ao festival procedían de fóra de España e un 43% chegaron doutras comunidades autonómas. 


Entradas á venda o 27 de febreiro  

O cartel intégrano tamén Vetusta Morla, The Hives, Dimitri Vegas & Like Mike, W&W, Beret, Ayax y Prok, Graveyard, Royal Republic, Bad Gyal, Second, Varry Brava, Elyella, Full, Shinova, The Zombie Kids, Molina Molina, Kitai, Alice Wonder e Cariño. 

Ademais, tamén nesta segunda edición haberá unha nutrida representación de grupos galegos como Igloo, Hard Gz, Iván Ferreiro, Familia Caamagno, Marem Ladson, Baiuca, O.R.T.I.G.A., Moderm e Eme DJ. Deste xeito, das 36 actuacións que haberá no festival, o 25% serán de bandas ou cantantes galegos. Haberá igualmente unha ampla representación feminina, con dez concertos ao longo dos tres días de festival. 

Os abonos poranse á venda a partir do vindeiro mércores 27 de febreiro, a partir das 12,00 horas, na web oficial do festival e en www.eventbrite.es, as canles autorizadas para iso. Sairán á venda cun prezo especial de lanzamento de 49 euros máis gastos de xestión. 

O Son do Camiño contará con dous escenarios, área de restauración, zona VIP e zona de descanso. As reservas deste servizo, que contará con duchas, cafetería, consigna, seguridade ou puntos de recarga de dispositivos móbiles, activarase nos próximos días. 


Máis axudas para festivais  

Como salientou o conselleiro, buscar sinerxías entre música e turismo é unha liña de traballo estratéxica para a Xunta. “Proba disto –expuxo– é a creación de FEST Galicia, unha marca que promove Galicia como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade social”. Román Rodríguez avanzou ao respecto que o Goberno galego reforzará durante 2018 esta aposta e incrementará “sensiblemente a dotación económica para apoiar tanto a marca FEST Galicia como o resto de festivais que se celebran na Comunidade”.  


Premios na primeira edición  

A organización da primeira edición dun festival da dimensión de O Son do Camiño supuxo todo un reto para os organizadores, os distintos equipos de traballo e a Xunta de Galicia, como principal patrocinador. O labor levado a cabo por todos propiciou que o festival fora recoñecido nos Premios Fest ao Festival Revelación 2018, certame no que logrou cinco nomeamentos. Ademais, acadou varios máis nos European Festival Awards e nos Iberian Festival Awards 2018, cuxos gañadores aínda non se coñecen. 

Esta cita, na que Xunta de Galicia colabora a través dun modelo de colaboración público-privada habitual neste tipo de eventos, contribuirá a promover a imaxe de Galicia no ámbito internacional na antesala da celebración do Xacobeo 21 a través dun dos seus principais activos turísticos e culturais: o Camiño de Santiago. Paralelamente, será unha oportunidade para difundir os valores e o talento local e reforzar o tecido empresarial galego, así como para fomentar unha programación cultural de maneira conxunta e coordinada. 

O Son do Camiño é unha iniciativa da U.T.E. formada polas empresas galegas Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., patrocinada pola Xunta de Galicia e coa colaboración de Estrella Galicia. Trátase dun festival sustentable e respectuoso co medio ambiente, adaptado aos recursos sociais, económico e ambientais dispoñibles.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias