A conselleira de Infraestruturas e
Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o inicio hoxe da contratación da
continuación da Vía Ártabra por un investimento de máis de 40 millóns de
euros, a maior licitación en materia de estradas pagadas con fondos
propios e vía orzamentaria nunha década.
Vázquez Mourelle
presentou esta actuación que inclúe un modificado para executar a 2ª
fase e poder conectar a Vía Ártabra coa AP-9 en canto o Ministerio de
Fomento emita o informe favorable para o enlace, sen unha nova
licitación. Así, procederase á execución das obras inmediatamente á
disposición da autorización.Nesta presentación, na que tamén
estiveron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o
director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a
conselleira indicou que as empresas interesadas en executar esta obra
teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 1 de
abril.
O Goberno galego propúxolle recentemente aos concellos da
área a idea de avanzar por un 1º tramo entre a N-VI e a AC-221 e que
supón a maior parte da obra a executar ata a a AP-9. Así, mentres a
Xunta avanza co primeiro treito de obras, se lle dá marxe a Fomento para
que emita a citada autorización.A responsable de Infraestruturas
indicou que isto xa supón unha mellora nas comunicacións para os
veciños e tamén para algúns dos polígonos empresariais máis importantes
da comarca, como o de Bergondo, Iñás e Espíritu Santo.
Subliñou
que a Xunta está a traballar no impulso deste proxecto estratéxico, polo
que cómpre que outras administracións mostren un compromiso semellante a
prol do interese xeral. Así, concretou que lle trasladou esta
licitación a Fomento, solicitándolle que, á maior brevidade, emita a
autorización precisa para chegar ata a AP-9.
O Goberno galego xa
investiu máis de 70 millóns de euros nos 10 km en servizo da Vía
Ártabra, que son empregados por máis de 4.000 vehículos cada día e xa
viñeron contribuír a mellorar o tráfico na área da Coruña.
Sen
embargo, a conselleira explicou que ese investimento será completamente
aproveitado cando esta estrada chegue ata a AP-9, conectando aos veciños
de Sada, Cambre e Oleiros e achegándoos á rede de estradas de altas
prestacións que vertebran o país.