El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | XESTIÓN DO ORAL

Carmela Silva: "Nestes catro anos, máis eficacia, máis eficiencia, máis información e transparencia"

04-03-2019 15:06:32
Carmela Silva, presidenta da Deputación.

Pontevedra |  “Nestes catro anos, máis eficacia, máis eficiencia, máis información e transparencia, e un grande esforzo de modernización que vai seguir sendo a nosa folla de ruta. É o balance que facemos neste servizo tan importante da Deputación, que queremos seguir potenciando e imos continuar cun enorme esforzo de modernizar todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías, non só na sede central do ORAL en Pontevedra cidade, senón en todas e cada unha das oficinas do ORAL repartidas na provincia”. Así se expresou esta mañá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na presentación dos datos da memoria anula do ORAL en 2018.

“Quero recoñecer e dar o noso agradecemento ás traballadoras e traballadores do ORAL polo enorme esforzo que teñen feito, que non é nin máis nin menos que un exercicio de transparencia, de que a xente saiba como xestionamos todos os servizos na institución provincial”, sinalou a presidenta, resaltando a importancia deste servizo, sobre todo para os concellos de menos de 20,000 habitantes, “para os que sería imposible que puideran facer este exercicio de recadación de ingresos se non fora porque existe un instrumento coma este que llo posibilita”. O ORAL é o servizo da Deputación que colabora cos concellos para xestionar, inspeccionar e recadar os tributos e outros ingresos que estes delegan, facilitándolle así á cidadanía poder cumprir as súas obrigas tributarias.

En 2018, o volume de recibos e liquidacións que xestionou o ORAL ascendeu a 216,4 millóns de euros. “Trátase dun incremento do 9,8% con respecto a 2015 cando chegamos ao goberno
provincial, no que se rexistraron 197,1 millóns”. Esta dato non coincide co dato de recadación de 2018, que é de 121.688.589,60 euros, porque aínda están pendentes de cobro algo máis de 88 millóns de euros, tanto en vía executiva como en vía voluntaria, xa que moitos deles, basicamente as taxas, non se liquidan ata finais de ano e polo tanto aínda están pendentes de tramitación.

Do total recadado en 2018, 106 millóns corresponden a cobro voluntario e 15 millóns a período executivo. “Esta cantidade supón un incremento do 2,4% con respecto a 2015 cando chegamos ao goberno da Deputación, unha evolución moi positiva de preto de 3 millóns de euros. Cómpre sinalar ademais que, nestes anos, houbo un incremento no cobro voluntario dun 4% máis que no 2015, o que significa maior eficiencia e maior eficacia. Nós temos como obxectivo que a recadación sexa por vía voluntaria porque o traballo dunha boa Administración é tentar que os cobros sexan sempre en voluntaria”. Se atendemos á poboación dos concellos, o 78,5% do recadado corresponde a concellos de menos de 20.000 habitantes, o 19,3% a municipios de máis de 20.000 habitantes e só o 2,2% do resto de entes locais.

Na memoria do ORAL tamén se analiza a evolución das principais figuras tributarias e destaca que o incremento máis notable se ten dado no imposto de bens inmobles, tanto no volume económico dos valores como na recadación que se efectuou en período voluntario, “o que significa que a cidadanía fai fronte ás súas obrigas tributarias e estamos sendo capaces de conseguir que a cidadanía entenda que esta obriga permite facer fronte aos servizos e aos dereitos”. Máis do 50% do total da xestión estivo constituído polos seguintes tributos; o IBI representou o ano pasado o 31,2% do total, pasando de 63,3 millóns en 2015 a 67,3 millóns en 2018; o IVTM supuxo o 7,7% do total; o IAE o 3% do total e taxas e outros ingresos foron o 9,6% do total. En canto ás sancións de tráfico, ascenderon en 2018 a 1,7 millóns de euros cunha porcentaxe de cobro moi elevada do 70,5%.

A presidenta, na presentación do balance, quixo resaltar especialmente a mellora dos datos dos cobros e pagamentos en período voluntario, “observamos que hai unha porcentaxe real de cobros moi alta dos tributos e liquidacións en período de cobro voluntario. En 2015 foron do 84,6% e neste momento son do 85,4%. Polo tanto seguimos a mellorar as porcentaxes de cobro en vía voluntaria e é algo no que debemos traballar dende as administracións”. Este dato relaciónase dunha forma particular coa evolución positiva das domiciliacións bancarias, que foron dun 4,2% máis en 2018. No ano pasado cobráronse con este sistema 59 millóns de euros relativos a 157.780 valores.


Xestión catastral 

Entre os asuntos que xestiona o ORAL, tamén se encarga da actualización e mantemento catastral dende 2001 a través dun convenio asinado coa Dirección Xeral do Catastro. Na actualidade están acollidos a este servizo un total de 47 concellos dos 61 da provincia. Como balance de 2018, ao longo do ano fixéronse 3.817 actuacións de alteración xurídica, derivadas dos máis de 5.900 expedientes tramitados dende a institución provincial. Dende o ORAL tramitáronse tamén 2.729 unidades urbanas modificadas, derivadas de máis de 1.200 expedientes de alteración físico-económicas. O persoal do ORAL percorreu máis de 9.700 quilómetros, durante 2018, para realizar labores de comprobación no territorio e para comprobar titularidades catastrais non rexistradas ou incompletas. Visitaron ademais 172 inmobles, xeraron 68 expedientes de alteración catastral e outros 60 expedientes en inmobles de gran entidade (instalacións industriais e comerciais).

Froito ademais da regularización catastral impulsada polo ministro Montoro, dende o ORAL colaborouse con 12 concellos, que teñen delegada esta xestión na Deputación de Pontevedra, para informar e asesorar ás persoas afectadas deste proceso de regularización. “Moitos concellos solicitaron colaboración á Deputación para informar á veciñanza sobre este procedemento e alí estiveron as nosas técnicas e os nosos técnicos. Organizamos traballos de atención personalizada en 12 concellos, durante 280 días. Atendemos a 9,600 persoas e colaboramos para presentar preto de 3.000 alegacións e recursos a estas resolucións catastrais”. 

O balance de datos de 2018 destaca tamén o modo de pago aos concellos, xa que mentres non se leva a cabo a integridade da recadación dos tributos, o ORAL proporciona liquidez aos municipios a través da fórmula de anticipos de recadación. En 2018, o ORAL anticipou un total de 60 millóns de euros aos concellos, o que representa preto do 50% do total recadado durante o pasado exercicio.

O ORAL presta servizo a un total de 53 concellos e outros 9 entes locais (consorcios, mancomunidades e entidades locais menores). Entre os concellos, 22 son de menos de 5.000 habitantes, 26 de entre 5.000 e 20.000 habitantes e só 5 son de máis de 20.000 habitantes. Por iso é fundamental para os de menos de 20.000 habitantes, que son ademais a maioría dos da provincia de Pontevedra. Xestionamos o IBI de 49 concellos, o IAE de 48 concellos, o IVTM de 45 concellos, ademais da xestión de taxas como a auga, o lixo e outros ingresos de 45 concellos.

Dende o ORAL tamén se xestiona a xeneralización da recadación en período executivo dos tributos locai9s de 5o concellos.

A presidenta provincial explicou que “esta memoria non se queda en analizar e facer balance do que aconteceu, senón que é unha memoria que pon deberes. É algo fundamental porque os servizos da Deputación temos que ser cada vez máis eficientes, máis eficaces, máis áxiles e estar máis preto da cidadanía. E polo tanto temos un plan de acción de cara ao futuro”. Carmela Silva enumerou o obxectivos máis inmediatos a conseguir: mellorar a base de datos, colaboración interadministrativa moi potente para sanear os recibos e liquidacións aínda pendentes de cobro, mellorar o mecanismo de cobro en vía executiva para que sexa tamén máis áxil e máis rápido, mellorar o acceso da cidadanía para que coñezan os seus dereitos e deberes tributarios e para que coñezan tamén mellor a nova oficina virtual tributaria. “É ben certo que o pago de tributos é unha obriga nun Estado de dereito e nunha democracia, pero tamén é certo que os e as contribuíntes teñen dereitos e moitas veces os descoñecen e as administracións temos que estar ao lado da veciñanza para que, coñecendo os seus dereitos e os seus deberes, tomen decisións formadas”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias