El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

CONCELLOS

Os concellos xa poden tramitar con Medio Ambiente as axudas para fomento da compostaxe e recollida de biorresiduos

05-03-2019 13:01:41

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda será a encargada de tramitar as axudas a concellos que acaba de convocar o Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) co fin de promover actuacións que permitan avanzar nos obxectivos de reciclaxe da directiva comunitaria de residuos, en enerxías renovables e na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).

Estas subvencións, convocadas no marco da convocatoria de Axudas Residuos 2019 e que contarán este ano cun orzamento aproximado de máis de 3,7 millóns de euros financiados a través dos Plans de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA) e do Plan Estatal Marco de Residuos (PEMAR), están dirixidas a entidades locais que queiran impulsar accións a favor da mellora do medio ambiente e da integración das políticas de calidade ambiental coas da loita contra o cambio climático.


Desde a Consellería de Medio Ambiente anímase aos concellos galegos a presentar proxectos que encaixen dentro desta nova convocatoria, que inclúe tres liñas de financiamento diferenciadas para o fomento da compostaxe, para a recollida separada de aceite de cociña usado e para a utilización eficiente de biogás.


Así, polo que respecta ás axudas para fomentar a compostaxe, están enfocadas a impulsar a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais e a súa compostaxe. Os proxectos susceptibles de financiamento abranguen a recollida separada de biorresiduos para o seu tratamento biolóxico; iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria de biorresiduos; e proxectos para a construción de instalacións destinadas ao tratamento da fracción orgánica do lixo doméstico.


Outra das liñas de subvención dispoñibles vai dirixida a financiar proxectos de recollida separada de aceite de cociña usado para fabricación de biocarburante. E por último, tamén haberá axudas enfocadas a incentivar usos de biogás alternativos á queima en fachos ou de xeración eléctrica, así como a cambios en procesos que incrementen a xeración de biogás.


Concretamente, os proxectos susceptibles de financiamento poderán ser de depuración e inxección de biogás na rede; de depuración e uso en frotas de transporte; de uso en motores de coxeneración; de uso de biogás para produción de calor; ou de cambio nos procesos destinados a aumentar a xeración de biogás.


Ao igual que en anos anteriores, a Consellería de Medio Ambiente será a encargada de recoller e tramitar as solicitudes que presenten as administración locais galegas e remitilas ao MITECO para a súa aprobación ou denegación.



Con este fin, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez habilitou na páxina web do Sistema de Información de Residuos de Galicia (Sirga) o acceso aos formularios de solicitude, así como toda a documentación relativa á convocatoria. Os concellos galegos que desexen concorrer a estas axudas deberán presentar as súas solicitudes de forma telemática ante a Subdirección Xeral de Residuos antes do 20 de marzo.


Por último, cómpre lembrar que as Axudas Residuos 2019 son compatibles coa convocatoria impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, no marco dun proxecto piloto, para a implantación de contedores para a recollida selectiva da fracción orgánica de residuos municipais. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo, polo que a Xunta anima aos concellos interesados en poñer en práctica a recollida separada dos biorresiduos nos seus municipios a acollerse a esta convocatoria para poder entrar no reparto dun total de 4.670 contedores de proximidade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias