El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Ana Pontón: "O PP volve utilizar mentiras contra o galego"

05-03-2019 17:12:24
Ana Pontón (d), portavoz nacional.

A escalada do PP contra a lingua galega motiva que o BNG utilice a sesión de control para pedir contas ao presidente da Xunta e que se pronuncie ante a proposta de Pablo Casado de impoñer, -vía lei orgánica-, que o galego só compute como mérito á hora de acceder a un emprego público.  
“Sería tanto como reducir o galego a unha lingua de segunda, impoñer unha concepción supremacista do castelán e avalar a discriminación dos e das galegafalantes”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que interpelará a Feixóo no próximo pleno “para que aclare se vai defender o Estatuto de autonomía e as competencias de Galiza ou vai abrazar a política que quere erosionar e discriminar a nosa lingua”.
 
A líder do  Bloque advirte que, unha vez máis, o PP “volve utilizar mentiras contra o galego” como argumento electoral “facéndolle un dano terrible a aquilo que máis nos une” metido como está o Partido Popular nunha deriva extremista “na que compite coa ultra dereita a ver quen di a barbaridade máis grande”.
 
“As linguas son unha riqueza e non unha barreira”, subliñou, ao tempo que criticaba ao presidente da Xunta “por rille as grazas” a un Pablo Casado “que só ven a Galiza a sementar mentiras contra o galego”.  O BNG defende o dereito a falar o idioma propio “sempre e en todo lugar” e, desde logo, na Administración Pública, dereito en risco de prosperar a proposta do PP.

Tras semanas negándose a comparecer, finalmente o conselleiro de Sanidade dará explicacións no próximo pleno sobre o seu malogrado plan de atención primaria, a través dunha proposición non de lei que demanda un plan urxente dotado con 200 millóns de euros adicionais para atención primaria.  

“Está vendo a Xunta como a propaganda xa non lle funciona, nin entre @s profesionais, nin entre as persoas usuarias”, recalcou Pontón, tras salientar que os e as galegas outorgan a terceira valoración máis baixa de todo o Estado ao servizo sanitario e sintetizan en tres os grandes problemas do sistema público de saúde: listas de espera, masificación dos servizos de urxencias e o escaso tempo de atención que reciben na primaria.  

Por iso, a proposta nacionalista pedirá máis fondos para a que se considera porta de entrada da sanidade pública, cubrir todas as prazas vacantes e recuperar as xerencias con capacidade de decisión e con orzamentos.  

Coa celebración do 8M como pano de fondo, o Bloque reivindicará unha axenda feminista que demostre que as Administracións públicas teñen un compromiso real coa igualdade, empezando por garantir que nin un só euro público financia a discriminación laboral das mulleres.  

Para iso, propón incluír cláusulas de igualdade en todos os contratos públicos de obra, servizos ou subministros, ademais de primar a aquelas empresas que inclúan plans de igualdade ou medidas de conciliación laboral e familiar.  

Pontón aproveito a comparecencia posterior á Xunta de Portavoces para instar a participar na folga feminista do 8M e a saír a rúa a mobilizarse masivamente para expresar o fastío contra a falta de compromiso e contra os discursos baleiros que nada fan a favor da igualdade real.  
O Bloque tamén levará ao vindeiro pleno o proxecto lei de memoria histórica, que será presentado mañá polo deputado e coordinador deste texto lexislativo, Luís Bará. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias