El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación presenta a II Xornada TurisTIC

07-03-2019 14:24:45
Carmela Silva, presidenta da Deputación.

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra ten en marcha, como actividade programada e de interese xeral, a II Xornada TurisTIC “O Turismo Intelixente”. Será o vindeiro 10 de abril no museo Verbum de Vigo. Tras o éxito do primeiro foro TurisTIC, celebrado o ano pasado no Castelo de Soutomaior, agora vaise desenvolver esta nova xornada centrada no turismo intelixente. “Seguimos avanzando así con paso firme para converter a provincia de Pontevedra nun destino turístico intelixente”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A II Xornada Turistic será “un gran evento no que o obxectivo será promover a colaboración e o intercambio de boas prácticas entre empresas do sector turístico, empresas tecnolóxicas e institucións públicas do noroeste peninsular (Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e o País Vasco)”. Para participar neste foro o prazo xa está aberto (ata completar aforo) é só é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de SmartPeme.

A través de relatorios e mesas redondas, na II Xornada Turistic as persoas asistentes analizarán as oportunidades e os desafíos para o sector turístico e a xestión de destinos intelixentes. Vanse desenvolver tres mesas redondas: “A gobernanza nos destinos turísticos intelixentes”, “A innovación aplicada á comercialización turística” e “A tecnoloxía. Presente e futuro do sector”. Nos relatorios abordarase a colaboración público-privado nos destinos turísticos intelixentes e a importancia dos datos para a xestión do destino, haberá un espazo para a exposición de exemplos de turismo intelixente na provincia de Pontevedra e haberá unha presentación de solucións innovadoras.


Desafío DESTinno 

A presidenta provincial tamén adiantou que, dentro deste foro, enmárcanse dúas iniciativas moi relevantes de apoio ao tecido empresarial e á modernización do sector turístico. Trátase do primeiro Desafío DESTinno e do Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas. “Impulsamos, en colaboración con Zona Franca de Vigo, un hackathon para desenvolver solucións innovadoras con ferramentas de creacións de aplicacións”, expuxo Silva, quen engadiu que a proposta gañadora recibirá 3.000 euros en metálico, entre outros galardóns.

O Desafío DESTinno busca aproveitar o talento da provincia para crear solucións innovadoras relacionadas cos eixos dos destinos turísticos intelixentes (gobernanza, innovación, tecnoloxía, accesibilidade e sustentabilidade). O desafío consiste en crear unha solución innovadora empregando ferramentas de creación de aplicacións. Para participar no Desafío DESTinno hai que cubrir un formulario que estará dispoñible na sección de SmartPeme na web da Deputación ou chamando por teléfono ás oficinas da rede SmartPeme. 


Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas 

“Ademais deste Desafío DESTinno, o foro tamén terá un Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas. En colaboración co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster TIC Galicia, 15 proxectos que hibridan turismo e tecnoloxía porán en valor o noso talento emprendedor”, destacou a presidenta da Deputación, que asegurou que “será un escaparate único no que mostrar proxectos que combinen o mundo tecnolóxico e o turístico”. Poderán participar nesta iniciativa un máximo de 15 propostas, que deste xeito poderán presentar e interactuar nunha sala con máis de 150 persoas especializadas do sector.

Carmela Silva salientou así que dende a Deputación “seguimos apostando a fondo polo turismo e contando coa colaboración das grandes institucións e entidades do sector turístico e das novas tecnoloxías, todos e todas para converter a nosa provincia nunha referencia no uso das TIC no sector do turismo”, lembrando así o traballo conxunto neste foro con Zona Franca, Clúster de Turismo e Clúster TIC Galicia. Cómpre lembrar ademais que a Deputación de Pontevedra é, xunto con Avilés, a única administración do noroeste peninsular dentro da Comisión Executiva da Rede Nacional de Destinos Intelixentes.


Axudas para actividades turísticas 2019 

A presidenta da Deputación informou tamén de que hoxe a Xunta de Goberno vén de darlle o visto bo ás bases reguladoras das axudas para actividades de carácter turístico durante 2019. O obxectivo destas axudas é colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra. Son obxecto de achegas as actividades de fomento do turismo que teñan como fin, ben a promoción e o estímulo dun sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sustentable; ou ben a promoción dos distintos recursos turísticos da provincia. O Goberno provincial inviste nesta iniciativa un total de 130.000 euros. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias