Santiago | A Cidade da Cultura acollerá o domingo 7 de abril a carreira
solidaria que Manos Unidas organiza en Galicia para celebrar os 60 anos
desta ONG e que se realizará, de xeito simultáneo, o mesmo día en preto
de 40 localidades españolas.
Esta actividade, cuxa recadación irá
destinada a un programa de emprendemento para mulleres vulnerables na
India, foi presentada hoxe no Gaiás pola directora xerente da Cidade da
Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, xunto á presidenta-delegada de
Manos Unidas en Galicia, Judith Lucachesky, acompañadas do delegado da
Federación Galega de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín Carreira, e o
presidente do Club de Atletismo de Santiago, Alfonso López Menduiño,
que colaboran nesta carreira.
A
directora-xerente da Cidade da Cultura expresou a “enorme satisfacción”
que supón para a institución que dirixe que o complexo do Gaiás e tamén
as súas zonas verdes —nas que se inclúen o Bosque de Galicia e o Parque
do Lago— acollan un acto destas características, que “adobía á
perfección saúde e solidariedade”. Á vez, quixo amosar o seu
agradecemento a Manos Unidas por escoller, de toda Galicia, a Cidade da
Cultura para levalo a cabo. Ademais, aproveitou a súa intervención para
salientar que con este tipo de accións “refórzanse e amplíanse” as
actividades vinculadas co deporte e a natureza que se celebran nestas
instalacións, “como a xa consolidada, familiar e divertida carreira Holi
Gaiás, que terá unha nova edición o 8 de xuño”.
A inscrición nesta carreira solidaria de Manos Unidas está aberta ata o 2 de abril na páxina web e o pecorrido na Cidade da Cultura será de 2,5 quilómetros. O punto de
saída será na intervención artística da Bóla de Libros, rodearase o
CEM-Centro de Emprendemento do Gaiás e percorrerase un dos sendeiros que
cruza todo o Bosque de Galicia para ir dar ao Parque do Lago, co
obxecto que, desde alí, os e as participantes volvan subir ao punto de
partida. Ademais, para os e as menores que acompañen os adultos —xa que a
cativada no poderá participar nesta competición— haberá no complexo da
Cidade da Cultura actividades lúdico-deportivas.
Carreira única en Galicia
Esta
carreira solidaria coa que Manos Unidas festexa o seu 60 aniversario e a
única que se celebra en Galicia, sumándose así o complexo do Gaiás ao
reto da ONG de levar a cabo esta acción no mesmo día en preto de 40
localidades españolas.
No entanto, o esforzo que supón realizar estas 40 carreiras
simultáneas terá a grande recompensa de apoiar un proxecto de promoción
da muller na India, no que 343 mulleres recibirán formación e axuda para
a creación dun negocio que lles permita mellorar a súa calidade de vida
e as das súas familias.
Ademais, desde a ON destacan tamén o
feito de que se trata dunha actividade “divertida e familiar” que
permitirá que o traballo realizado durante estes 60 anos en Manos Unidas
“poida ser coñecido por todo aquel que queira participar”.
Beneficiarias: mulleres en situación de vulnerabilidade na India
O
proxecto elixido para asociar á carreira é o Programa de Emprendemento
para mulleres vulnerables na India. As beneficiaras son mulleres que
viven en condicións de pobreza e marxinalidade neste país, en concreto,
nos distritos de Ramanathapuram e Sivagangai.
Co recadado nas
carreiras solidarias do Gaiás e do resto de cidades capacitaráselles a
estas mulleres para emprender negocios colectivos rendibles. Impartirase
formación en: cría de vacas leiteiras, fabricación de corda a partir do
coco, produción de encurtido de peixe e produción de fariña de millo,
creando tres unidades de produción con alpendre e equipamento necesario.
Asemade,
crearanse federacións onde se formarán equipos de vendedoras e con dous
puntos de venda propio. Incluirase tamén un vehículo e os fillos destas
mulleres recibirán asesoramento para os seus estudos, talleres de
habilidades sociais e fortalecemento de capacidades. Este proxecto
beneficia directamente a 343 mulleres e fillos e indirectamente a máis
de 800 persoas.