As oposicións para cubrir 205 prazas de persoal subalterno e tres de ordenanza, que hoxe convoca o Diario Oficial de Galicia
(DOG), terán un procedemento máis áxil, ao contar cun só exercicio de
carácter obrigatorio e eliminatorio. A Consellería de Facenda introduce
este cambio respecto a anteriores convocatorias co obxectivo de axilizar
todo o proceso, o que permitirá que as persoas que acaden unha praza de
emprego fixo accedan antes á Administración autonómica.
Este
exercicio, obrigatorio e eliminatorio, consistirá en contestar un
cuestionario de 60 preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das que
20 corresponderán á parte común do programa e 40 á parte específica.
Como novidade nesta convocatoria, esta proba simplifícase polo que cada
pregunta contará con tres respostas alternativas, das que só unha será a
correcta. A realización deste primeiro exercicio non poderá ter lugar
antes dos sete meses posteriores á data de publicación desta
convocatoria no DOG.
Ademais desta proba obrigatoria, a
convocatoria tamén inclúe unha segunda proba para evidenciar o
coñecemento do galego, similar á que se realiza de xeito ordinario nas
convocatorias de emprego público da Xunta. Deste exame quedarán exentas
todas as persoas que acrediten o certificado Celga 2 ou equivalente.
Unha
vez rematadas as probas correspondentes á fase de oposición, a Xunta de
Galicia procederá a avaliar os méritos que acredite cada aspirante,
toda vez que esta convocatoria realízase a través do sistema de
concurso-oposición.
Prazo de 20 días para apuntarse
As
persoas que queiran apuntarse nesta convocatoria teñen un prazo de 20
días hábiles, que empezará a contar a partir de mañá. Deben facelo
constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na
Internet, e aboar a taxa correspondente. As oposicións son de acceso
libre e, polo tanto, poderase presentar calquera persoa que cumpra os
requisitos establecidos na convocatoria.
As persoas participantes
deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder da idade máxima de
xubilación forzosa. No caso das prazas de persoal laboral, os aspirantes
deberán acreditar ademais, ter cursada a escolaridade obrigatoria no
sistema educativo español.