El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA

O Hipersector TIC galego duplica o volume das exportacións en catro anos

14-03-2019 15:08:34

En 2017 as exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia supuxeron uns ingresos de máis de 105 millóns de euros, o dobre do rexistrado catro anos antes, en 2013 con 50,7 millóns de euros. Son parte dos datos expostos esta mañá no Parlamento de Galicia pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta destacou que a Administración autonómica leva impulsando a dixitalización da Comunidade desde 2009 coas medidas e plans recollidos na súa Axenda Dixital nun marco de colaboración público-privada co sector tecnolóxico.

Neste sentido Pereira lembrou que a Xunta traballa directamente con máis de 100 provedores tecnolóxicos, entre os que hai empresas galegas, nacionais e multinacionais, desenvolvendo diferentes iniciativas de calado para a dixitalización dos servizos públicos, da economía e da inclusión e a capacitación dixital da sociedade. 


Pacto Dixital 

Destacou o papel da Administración como catalizador do sector e a importancia entre as sinerxias e a colaboración entre as empresas como elemento chave na busca de novos mercados e no crecemento do sector tecnolóxico galego. Neste sentido lembrou que en 2013 a Xunta asinou co Cluster TIC de Galicia e outras 13 empresas galegas, nacionais e multinacionais un Pacto Dixital para atraer investimento á Comunidade, impulsar a colaboración entre as grandes e pequenas empresas para favorecer a internacionalización destas últimas e o desenvolvemento de proxectos tractores para economía galega.


Cinco anos de crecemento 

Pereira destacou a importancia desta colaboración para un hipersector tecnolóxico como o galego cun 82% de empresas de 2 ou menos empregados. A directora da Amtega referiuse na súa intervención ao último informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia, que recolle que o crecemento das exportacións no sector en Galicia, o dobre entre 2013 e 2017, así como o incremento de empresas e traballadores. 

En 2018 o Hipersector TIC acadou os 23.308 traballadores, o que supuxo 1.335 traballadores no último ano. É a maior cifra de emprego rexistrada polo hipersector TIC nos 5 últimos anos. O crecemento no emprego no último ano prodúcese, principalmente, no sector TIC que dá emprego a 18.163 traballadores e experimenta un incremento do 7,7% no último ano mentres que o sector Contidos conta con 5.145 traballadores/as e recupera a tendencia ascendente, cun aumento do 0,7% no último ano. 

O Hipersector TIC conta actualmente con 3.474 empresas, rexistrando un aumento do 9,9% desde 2013. Estas cifras sitúan a Galicia como a quinta comunidade autónoma cunha maior cifra de empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. 


Incremento do valor engadido bruto e das exportacións de bens 

O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 9,1% no último ano e supera xa os 1.300 millóns de euros. Isto representa un crecemento moi significativo, por primeira vez, nos últimos 6 anos e indica unha tendencia positiva que garda relación co incremento no número de empresas e traballadores/as. 

É preciso salientar que este incremento produciuse tanto no sector TIC como no sector Contidos. O VEB do sector TIC achégase ao 1.100 millóns de euros, cun crecemento do 9,4% no último ano. No caso do sector Contidos supera os 211 millóns de euros, cun aumento do 7,6% no último ano. A actividade económica que acada unha maior cifra de exportación, un ano máis, corresponde á fabricación de equipos de telecomunicacións, acadando o 44,5% das exportacións do Hipersector TIC en Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias