El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

GALICIA

O padrón de galegos no estranxeiro alcanza as 519.646 persoas en 2019

20-03-2019 11:43:10

O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de publicar os datos sobre o Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) a data 1 de xaneiro de 2019. As cifras feitas públicas polo organismo confirman a tendencia demográfica que está a experimentar a comunidade autónoma desde hai varios anos, e que reflicte un incremento do número total de galegos residentes fóra das nosas fronteiras, o que inclúe tanto aos emigrantes como os seus descendentes, xa nados nos seus países de destino, e unha diminución do de galegos nados na comunidade.

A cantidade total de galegos que vive no exterior incrementouse en 3.157, pasando dos 516.489 de 2018 aos 519.646. Pola outra banda, a cifra de galegos nados en Galicia que saíron do país decreceu dos 154.312 que había o ano pasado aos 151.763 do actual. Esta aparente contradición dos datos explícase polo aumento do número de fillos, netos e descendentes doutras xeracións que se dan de alta no padrón ben por ter nacido recentemente, ben por ter adquirido a nacionalidade malia ter nacido noutro país do mundo.

Todas as provincias ven, así, incrementada a súa cifra de residentes no exterior, segundo as estatísticas publicadas polo INE, que advirten un aumento de 1.143 pontevedreses vivindo no estranxeiro, que pasan dos 150.674 que había o ano pasado aos 151.817 actuais. A Coruña faino con 1.138 coruñeses máis e alcanzando os 180.662, Ourense con 65 máis ata chegar aos 113.746, e Lugo con 811 para quedar con 73.421.


Unha porcentaxe que diminúe cada ano 

A realidade demográfica de Galicia tamén constata outra consecuencia da tendencia migratoria que está a experimentar a comunidade, e que rebaixa cada ano a porcentaxe de galegos que residen no exterior que foron nados en Galicia e emigraron máis tarde por diferentes razóns. A cantidade de emigrantes que aínda residen no estranxeiro pasou, deste xeito, nun ano de supor o 29.7% do total de galegos que viven fóra das nosas fronteiras a constituír o 29% (é dicir, 15.579 galegos), porcentaxe que vén diminuíndo incesantemente desde 2011. 

O retorno de emigrantes, que en el 2017 trouxo de volta a Galicia a 6.202 galegos, palía, deste xeito, a saída do país que emprenderon en 2018 un total de 3.212 galegos, segundo se desprende das cifras oficiais do INE.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias