A directora xeral de Comercio e Consumo,
Sol Vázquez Abeal, informou hoxe aos praceiros de Pontedeume do novo
programa para impulsar os Mercados Excelentes de Galicia, unha
iniciativa que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina un millón de euros.
As
axudas, en concorrencia non competitiva, poderán solicitarse ata o 30
de setembro. Os concellos que conten cunha praza co distintivo de
Mercado Excelente outorgado pola Xunta poderán obter apoios de ata
150.000 euros e un 50% do investimento. Entre outras actuacións,
potenciarase o acondicionamento das instalacións, con iniciativas
encamiñadas á mellora da imaxe, a instalación de sistemas de
climatización, de sistemas de illamento térmico ou acústico que reduza
o impacto de ruídos, ou o establecemento de sistemas de recollida de
auga.
Tamén se apoiará a creación e mellora de servizos para
clientes, como a posta a disposición de carros da compra, a habilitación
de espazos infantís ou salas de lactancia; o reparto a domicilio; a
instalación de consigna frigorífica; ou o servizo de cociñado de
produtos. Entre as actuacións subvencionables tamén se atopa a
instalación de pantallas de información, servizo automático de quenda,
planos de situación do edificio, rede Wifi e implantación ou
actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos
produtos que conten con tenda online e pasarela de pagamento.
A
orde publicada hoxe no DOG tamén recolle apoios para mellorar a
loxística e comercialización do produto, e para a creación ou mellora de
aparcadoiros, para a conservación, mantemento, reposición e mellora das
instalacións e dos equipamentos, e para a promoción e dinamización da
praza de abastos e mercado. A Xunta financiará ademais actuacións
formativas e de asesoramento dirixidas ao mentoring comercial, e os
gastos das unidades xerenciais.
Ademais, nas prazas de abastos que
non dispoñan do selo de Mercado Excelente os concellos poderán obter
axudas de ata 7.000 euros para a diagnose de situación e usos do mercado
realizada por unha empresa de consultoría especializada, e ata 40.000
euros para actuacións de preparación para a obtención do selo de Mercado
Excelente.