El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

RESIDUOS DOMÉSTICOS

A Xunta chama aos concellos e á sociedade a traballar xuntos para mellorar a xestión dos residuos domésticos

26-03-2019 13:58:02
Ángeles Vázquez.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, emprazou hoxe ás entidades locais e á sociedade galega en xeral a camiñar da man da Xunta para cumprir cos principais retos fixados por Europa e a normativa estatal co fin de optimizar o tratamento dos residuos sólidos urbanos. Durante a inauguración da xornada Pensa en circular. Xestión de biorresiduos, dirixida a persoal de entidades locais, técnicos e xestores de lixo, Vázquez Mejuto referiuse á necesidade de seguir dando pasos para achegarse ao obxectivo fixado pola Comisión Europea para que o próximo ano se reciclen o 50% dos residuos domésticos.

Para aproximarse a esa meta e pese a que a competencia sobre a xestión das distintas fraccións de lixo de orixe doméstica e comercial recae sobre as entidades municipais, a conselleira explicou que o seu departamento ten en marcha un paquete de actuacións e medidas para apoiar aos concellos nesta materia. Así, para 2019 a Xunta ten reservado un orzamento de case seis millóns (5,65 millóns) para actuacións destinadas a mellorar a xestión dos residuos sólidos urbanos. 

Deles, unha partida de 1,29 millóns de euros dedicarase a financiar a orde de axudas para a instalación de puntos limpos móbiles e novos proxectos de recollida selectiva da fracción orgánica. Estímase que un total de 154 concellos, segundo os datos que facilitou a conselleira, poderán beneficiarse destas subvencións, tendo en conta as solicitudes recibidas e que actualmente están en fase de valoración. 

Por outra banda, Vázquez Mejuto tamén se referiu á convocatoria aberta este ano para que as entidades locais interesadas puidesen solicitar contedores específicos para a recollida de biorresiduos. Concretamente e unha vez pechado o prazo para pedilos, a previsión é que un total de 45 entidades municipais se beneficien do reparto dos 4.670 contedores incluídos na convocatoria deste ano, cun orzamento de 0,56 millóns de euros. 

Así mesmo, no marco do desenvolvemento do Plan de Xestión de Residuos Urbanos (PXRUG) 2010-2022 tamén se prevén para este ano outras medidas de diagnose, prevención e actuación para apoiar aos concellos en relación cos biorresiduos municipais e a loita contra o desperdicio alimentario. 

Precisamente, en relación aos residuos de alimentos que se xeran fundamentalmente nos fogares –arredor do 42% do total- a conselleira incidiu en que a Xunta quere poñer enriba da mesa experiencias con éxito sobre separación, tratamento e prevención deste tipo de desperdicios. Neste sentido, insistiu na importancia da concienciación cidadá, tanto para inculcar hábitos de compra e de consumo máis responsables, como á hora de prestar máis atención antes de desbotar alimentos.

Así, lembrou que un terzo dos alimentos que se producen no mundo se perden ou desperdician, é dicir, unhas 1.300 millóns de toneladas anuais. Unhas cifras que animou a reducir pola vía da concienciación da poboación a través de campañas e actuacións de educación ambiental sobre xestión de residuos impulsadas pola Xunta en colaboración con outras entidades como Ecoembes ou Ecovidrio e ás que este ano se destinarán un total de 2,66 millóns de euros.  


Novidades normativas  

Máis aló dos investimentos e campañas impulsados pola Xunta para alcanzar as metas fixadas en materia de xestión de residuos domésticos, a conselleira de Medio Ambiente tamén se referiu ao traballo que está a desenvolver o seu departamento para dotar a Galicia, a medio prazo, dun novo e moderno marco normativo na materia. 

Así, referiuse en concreto á tramitación da futura Lei de Residuos e Solos Contaminados de Galicia, no marco da cal pechouse hoxe mesmo o prazo para o envío de suxestións ao anteproxecto e que previsiblemente será aprobada o próximo ano, co obxectivo de fomentar a prevención e a reutilización de residuos ata acadar en 2025 unha redución do 15% dos residuos que se producen na actualidade. 

A nova normativa virá precedida pola aprobación, este mesmo ano, de dúas ferramentas clave desde o punto de vista medioambiental, tanto para a mellora da eficiencia enerxética como para a optimización e aproveitamento dos recursos: a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e a Estratexia de Economía Circular. Así mesmo, tamén avanzou que o vindeiro ano a comunidade terá implantada a chamada Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, unha folla de ruta aprobada polas Nacións Unidas no ano 2015 co obxectivo de dar os pasos necesarios para acadar un mundo máis xusto e sostible a través do impulso das iniciativas e políticas axeitadas. 

A xornada, organizada no marco do programa de accións formativas previsto no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG), estivo estruturada en tres bloques, nos que participaron representantes de institucións nacionais e locais, membros da administración pública e especialistas de consultoras e empresas con experiencia nesta materia que afondaron nas súas intervencións nas diferentes vías desde as que se pode analizar o tratamento de residuos orgánicos, para ofrecer solucións adaptadas a cada caso.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias