El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

En marcha a II edición da "Ruta das Maceiras en Flor 2019"

11-04-2019 19:35:46
Cartel da Ruta das Maceiras en Flor.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe a segunda edición da “Ruta das Maceiras en Flor” que se levará a cabo no concello da Estrada entre a última fin de semana de abril e a primeira de maio. Silva asegurou que está  “namorada dun proxecto que conseguiu un éxito espectacular no 2018, chegando a ter impacto nos medios nacionais”. Tal e como explicou a presidenta, esta iniciativa ten por obxectivo mostrar as maceiras en plena floración, así como dar a coñecer o traballo de produción das sidras e doutros produtos que proveñen da mazá.

“A comarca de Tabeirós-Terra de Montes é líder no noroeste peninsular de mazá ecolóxica. Tanto o momento de produción como o traballo artesanal das sidrerías locais representan un produto de turismo exclusivo das Rías Baixas e por iso queremos potencialo”, explicou. Silva tamén aproveitou para recordar que “é un espectáculo floral único e marabilloso  no que se poderán contemplar especies autóctonas como a rabiosa de Callobre ou outras predominantes na zona como a regona”. Ademais, a presidenta fixo fincapé en que esta iniciativa “está enmarcada no noso Plan Estratéxico de Turismo co obxectivo de desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra”.

Este ano, fronte á edición do 2018, ofértanse tres itinerarios. O primeiro será o sábado 27 pola mañá e as persoas participantes visitarán a plantación de Callobre e as sidrerías Ribela e Torres de Moreda. Na segunda ruta, que se desenvolverá o 27 pola tarde, tamén se dará a coñecer a plantación se Callobre e farase unha visita ás sidrerías de Torres de Moreda e A Peroja. Por último, o terceiro itinerario levarase a cabo o sábado 4 de maio pola mañá e inclúe unha visita á plantación de Callobre e, tamén, as sidrerías de Torres de Moreda e Camino.

Para participar nestas rutas, que serán gratuítas, haberá que inscribirse enviando un correo electrónico a visitasguiadas@depo.es no que consten o nome e apelidos das persoas que queiran participar, a ruta e un teléfono de contacto. O prazo para anotarse abrirá o vindeiro luns 15 de abril ás 9.00 horas.  Ademais, haberá 25 prazas dispoñibles por ruta, en total 75, e só se poderán reservar, como máximo, catro praza por persoa, que se adxudicarán por orde de inscrición. Tamén se inclúe desprazamento en autobús dende Vigo e Pontevedra aínda que, quen o desexe, poderá desprazarse en vehículo propio.

Carmela Silva quixo poñer en valor que a “Ruta das Maceiras en Flor” naceu como un proxecto da Deputación “que hoxe se converteu nunha iniciativa público-privada coa colaboración dos produtores e das produtoras da cooperativa Ullama e da Asociación de Casas de Turismo Rural Mar de Compostela”. 

“Este proxecto vaise converter nunha ruta moi salientable na nosa provincia de Pontevedra”, indicou a presidenta. Por último, a presidenta informou de que previamente ás rutas, o venres 26 de abril vaise organizar un blogtrip con 10 bloggers de referencia para dar a coñecer os recursos da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Departamento de comunicación / Deputación de Pontevedra





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias