El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Piñeiro Docampo
José Antonio López Rodríguez
Nacional

GALICIA | ELECCIÓNS 28A

Ana Pontón tilda de "ocorrencia carca" o Ministerio de Familia

15-04-2019 15:48:45
Ana Pontón, en Ferrol.

A portavoz nacional, Ana Pontón, tildou de “ocorrencia carca” a proposta de creación dun Ministerio de Familia como solución ao grave problema demográfico de Galicia, lanzada polo candidato do PP, Pablo Casado, no acto electoral celebrado en Santiago que compartiu co presidente dos populares galegos, Núñez Feijóo.  

“Quería responder a ultima ocorrencia coa que nos agasallou o señor Casado en compañía de Feixóo, no seu xantar no rural galego”, ironizou, “nun acto onde veu dicirnos que a solución para o problema demográfico de Galiza é un Ministerio da Familia. Pois non señores do PP, a solución non pasa por unha proposta carca e rancia, do século pasado porque o problema demográfico deste país chámase emigración xuvenil”, replicou Pontón.  

Por iso, a mellor política demográfica é “darlle futuro”  á xente moza neste país, con empregos dignos, medidas de conciliación familiar e laboral e de igualdade. Crear as condicións que permitan traer de volta á mocidade emigrada e sacar da precariedade á que optou por quedarse para que podan desenvolver aquí os seus proxectos vitais.  

“Nos últimos dez anos emigraron de Galiza máis de 150.000 mozos e mozas baixo o Goberno do PP, e o que precisan a xente nova e ter emprego, futuro e oportunidades neste país”, argumentou Pontón. Por contra, a líder nacionalista ten claro o que non necesita a xuventude galega. “O que non precisamos é nin máis paracaidistas nin máis turismo electoral usando Galiza como escenario de fondo da súas ocorrencias, como as de Casado, porque o que problema demográfico de Galiza non se soluciona con ese ministerio de Familia que nos recorda tanto a tempos pasados e a políticas fracasadas. O que precisamos é acabar coa emigración xuvenil á que condenan á xente moza os diferentes gobernos do Estado do PP e do PSOE”, recalcou.
 
Pontón fixo estas declaracións nun acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario e cun traxecto entre Ferrol-A Coruña propio do século pasado, cando debería ser unha das principais opción de mobilidade entre ambas cidades.
 
A líder do Bloque optou por subirse a unha bicicleta na estación ferroviaria de Ferrol para evidenciar como o Goberno do Estado mantén un tren decimonónico a velocidades que son facilmente superables por unha persoa en bicicleta.


Antes en bicicleta e con tempo para unha vervexa 

“Non é ningunha esaxeración. O tren que comunica estas dúas cidades ten tramos nos que circula a 20 quilómetros por hora, unha velocidade que calquera ciclista afeccionado pode superar con facilidade.  Eu mesma podería coller a bicicleta e facer a viaxe en tren e aínda me daría tempo de tomar unha cervexa na estación”, declarou.  

Entre Ferrol e Coruña hai unha distancia física de 69 quilómetros, pero o tren que comunica ambas urbes por unha vía inaugurade fai cen anos sen apenas modernizar, precisa até 145 minutos para chegar dunha cidade a outra. 80 minutos na mellor das opcións. “Nese tempo, o tren do eixo atlántico fai o traxecto de 180 quilómetros que separan Coruña de Vigo e poderíamos tamén facer o traxecto A Coruña-Santiago ida de volta de 150 quilómetros”, explicou Pontón. 


Sen infraestruturas, sen oportunidades 

“Evidencia o abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias entre Ferrol e A Coruña e do disparate de non ter as mesmas infraestruturas e oportunidades. Cun tren rápido entre ambas cidades e cunha aposta pola modernización de FEVE, teríamos unha área de 600.000 habitantes comunicada. Xa está ben que o Estado nos trate como cidadáns de segunda”, salientou a portavoz nacional, nun acto no que tamén participou o portavoz municipal, Iván Rivas.  

Pontón deixou claro o compromiso de que un BNG decisivo no Estado tras o 28A, “acabará co disparate de que sexa máis rápido ir en bicicleta entre Ferrol e A Coruña e viceversa que ir en tren, e sacaría adiante a modernización das infraestruturas desta comarca, -FEVE incluído-, que non pode seguir esquecida e maltratada”, concluíu. Departamento de comunicación / BNG





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias