El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | ELECCIÓNS 28A

Pontón saca as cores ás forzas estatais: "Veñen de guais a prometer coa AP9 o que non fixeron en 4 anos"

19-04-2019 13:46:55
Ana Pontón (c), portavoz nacional.

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou que só un BNG decisivo en Madrid é garantía de que o 28A comezará a conta atrás da transferencia da AP9 fronte a unhas forzas estatais que veñen a prometer en campaña electoral o que non fixeron en catro anos de lexislatura sen maiorías absolutas. Pontón convidou a facer un exercicio de memoria.

“Que fixeron estes catro anos? Onde estaba Ana Pastor? Na Mesa do Congreso vetando o debate da AP9; onde estaba Pilar Cancela?, calada mentres o seu candidato Pedro Sánchez nos subía a estafa das peaxes dúas veces en oito meses; onde estaba Iolanda Díaz?, apoiando un recortazo de 750 M€ nos peores orzamentos para Galiza en 17 anos. Este é o legado das forzas estatais nesta lexislatura, e a última hora veñen en campaña a facerse as guais prometendo o que non quixeron facer en catro anos”, denunciou Pontón.

Tras ironizar sobre o feito de que AP9 se teña convertido en Semana Santa nun “destino predilecto” das forzas estatais para facer turismo electoral, a líder nacionalista subliñou que só un BNG decisivo nun Congreso sen maiorías absolutas garante acabar con este espolio. E puxo a transferencia a Euskadi da AP68 como exemplo do que pode facer unha forza política propia e sen ataduras.

“Esta lexislatura tamén nos deixou o retrato de que si é posible facer as cousas doutra forma con forzas políticas propias sen obediencia a Madrid. O PNV deu unha lección a todos os deputados e deputadas electas por Galiza de que cando se pensa nos intereses da súa sociedade, do seu país é posible conseguir logros: AP68 en 24H deixando en ridículo a Feixóo e deixando ao descuberto que @s representantes galeg@s actúan ao ditado das direccións madrileñas dos seus partidos e deixan de lado Galiza”.

"Desde o BNG ofrecemos un compromiso claro de cara ao 28A: utilizaremos a forza que nos dean os galegos e as galegas para acabar coa estafa das peaxes da AP9 e nese camiño, sendo determinantes no Congreso, conseguiremos a transferencia como principio do fin deste espolio que levamos soportando demasiados anos”, concluíu.


Tratamento urbano

Tras o encontro do BNG coa representación veciñal de Teis e Chapela, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que a AP9 ao seu paso por estas localidades é un exemplo do mal que se xestionan as infraestruturas cando se planifican desde Madrid, con dúas parroquias sometidas á contaminación acústica e doutros tipos que soportan sen recibir a cambio nin o beneficio dun acceso sen peaxes á propia infraestrutura.

“As comunicacións teñen que servir para unir e non, como no caso de Teis e Chapela, para crear un muro de incomunicación. Isto hai que resolvelo porque é un tramo urbano dunha infraestrutura que debe ter tratamento urbano e condicións acústicas e de seguranza propias dun treito urbano”, dixo Da Silva.

Salientou, así mesmo, que hai motivos evidentes para retirar a peaxe especificamente a este treito “porque non coñezo ningunha outra cidade no Estado onde nunha vía de entrada á cidade as veciñas e os veciños teñan que pagar permanentemente”. “É unha inxustiza que se pode resolver e que se resolve noutros sitios e a única maneira é ter vontade e forza política para facela. Coa forza que nos van dar os veciños e veciñas o vindeiro 28A será unha prioridade para o BNG no Congreso”, concluíu. Departamento de comunicación / BNG





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias