Pontevedra |O secretario xeral para o Deporte, José
Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na rolda de prensa do
Mundial ITU Multisport que se está a celebrar desde o 27 de abril en
Pontevedra e que engloba un total de cinco campionatos mundiais:
dúatlon, aquabike, acuatlon, tríatlon cross e tríatlon longa distancia,
que terá lugar mañá como colofón do festival. De feito, o máximo
responsable do Deporte galego referiuse a esta proba como “o mellor
mundial de longa distancia da historia polo percorrido, polo altísimo
nivel dos participantes e como non, por estar en Galicia”.
Ao fío
desta idea lembrou algúns dos nomes máis importantes que estarán na
carreria masculina de mañá como son os dos galegos Pablo Dapena, vixente
campión do Mundo, Javi Gómez Noya, pentacampión mundial de tríatlon e
Gustavo Rodríguez, ou o neozelandés Terenzo Bozzone, cinco veces tamén
campión do Mundo en varias disciplinas. Na categoría feminina, ademais
da galega Saleta Castro destacan os nomes das danesas Camila Pedersen,
campioa en 2017 e Maja Stage que finalizou en quinta posición o pasado
ano.
Na súa intervención, Lete Lasa destacou que “3.600 persoas se
reúnan nunha cidade de 80.000 habitantes como Pontevedra para facer
tríatlon é un fito de deporte, de sociedade, pero sobre todo de país”,
polo que definiu ao Multisport como “o meirande evento de tríatlon que
se ten realizado nunca en España, non só polo número de participantes
que suma ou polo nivel dos deportistas, senón tamén pola complexidade
loxística que leva aparellada unha organización deste calibre”.
Dentro
dos 3.600 deportistas -que xuntan case 4.000 participacións- o
secretario xeral destacou a presenza de preto de 200 galegos, un 5,5% de
representación do deporte galego.”Temos toda a esperanza de poder poñer
o broche de ouro a esta gran competición cun galego e cunha galega
subidos ao máis alto do podio”, sentenciou.