El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Aberto o prazo para inscribirse en "Voando nas Rías Baixas"

05-05-2019 12:26:45
Voando nas Rías Baixas.

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra abre este luns 6, o prazo de inscrición na cuarta ruta do programa “Voando nas Rías Baixas”, unha nova ruta ornitolóxica que impulsa a institución provincial en colaboración con SeoBirdlife, que percorrerá o día 19 as Brañas de Xestoso nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Ofértanse 25 prazas, totalmente gratuítas, que se cubrirán por orde de entrada da solicitude a través da páxina web www.depo.es. Cómpre ter en conta que nas tres primeiras rutas as prazas esgotáronse en escasas horas.

As Brañas do Xestoso sitúanse na zona interior norte da provincia, nos límites dos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada. É un espazo declarado Zona de Especial Conservación, protexido pola Rede Natura 2000. É un bo exemplo das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas como brañas, pradarías, carballeiras ou a lagoa Sacra de Olives.  Nos meses de primavera, estes ecosistemas son hábitats ideais para observar e escoitar o escribano cerillo, o escribano montesino, a alondra, o zorzal charlo, o trigueiro ou especies migratorias procedentes de África coma o alcaudón dorsirrojo, o bisbita arbóreo, o cuco ou a abubilla. Así mesmo, son magníficos lugares para as rapaces, aves coma o aguilucho cenizo, o aguilucho lagunero occidental, a culebreira europea, o abelleiro europeo ou o falcón peregrino.

Para poder participar na ruta ornitolóxica, a Deputación de Pontevedra porá a disposición das persoas participantes prismáticos de observación de aves, dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar de aves sen molestalas e unha guía de aves para cada unha das persoas participantes na ruta ornitolóxica.

“Voando nas Rías Baixas” xa pasou, o pasado 20 de xaneiro, polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor; o 10 de febreiro pola Enseada de San Simón na Ría de
Vigo; e o 3 de marzo pola Reserva Ornitolóxica do Grove, no Salnés. Despois desta ruta polas Brañas de Xestoso, esta iniciativa provincial pecharase o 16 de xuño pola Serra do Suído, que descorre polos concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo.

“Voando nas Rías Baixas” ten por obxectivo converter a provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable. O turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese, sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves. Departamento de comunicación / Deputación de Pontevedra





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias