O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, defendeu hoxe un financiamento autonómico inspirado nas
necesidades dos territorios e poboacións, e non pola presión de
formacións insolidarias que ven en cada negociación un paso máis cara a
fragmentación.
“Defendemos uns servizos públicos que están condicionados
pola demografía, a xeografía e a orografía; unha asimetría fundamentada
nas necesidades das persoas que viven nas diferentes comunidades e non
en privilexios insolidarios”, incidiu, propugnando ademais unhas
infraestruturas que cumpran o triplo obxectivo de vertebrar as
autonomías, integralas máis en España e acercalas ao resto de Europa.
Durante o encontro especial 10 anos do foro económico: Desafíos socioeconómicos das rexións atlánticas,
no que tamén participou o presidente de Castela e León, Juan Vicente
Herrera, Feijóo avogou, xunto a unha política conxuntural, composta por
pactos de corto percorrido –pero que non debesen afectar ao núcleo
básico do Estado, onde se atopa o desenvolvemento harmónico e xusto
dunha nación-, por establecer outra de longo alcance, onde non só
participen os partidos, senón tamén as comunidades autónomas en foros
multilaterais.
“Nesa política de longo alcance e logros concretos
queren estar e estarán Castela e León e Galicia”, dixo, sinalando que
son precisamente as autonomías o mellor antídoto contra a
insolidariedade que predica o independentismo.Ao longo da súa
intervención, o titular da Xunta reivindicou o autonomismo fronte a quen
os rexeitan desde posicións extremas, incidindo en que o autonomismo é
parte da solución e ha de estar plenamente incorporado ao espazo da
moderación.
“O contrapunto do independentismo non é un retorno ao
centralismo obsoleto senón un robustecemento do autonomismo
constitucional”, sentenciou, facendo fincapé na importancia de combater
democraticamente políticas que só ven a marxe dereita do mapa de España.Sobre
este punto, e como exemplo, lembrou que o AVE que comparten Castela e
León e Galicia foi obxecto de numerosos ataques co pretexto de que unha
infraestrutura custosa só debe plantexarse en territorios situados en
cabeza dentro dos parámetros económicos.
Diante disto, Feijóo
sostivo que un Estado moderno como é o español non pode guiarse por unha
“especie de darwinismo” que condene ás nosas rexións, “e menos facelo
debido a pactos destinados a soster gobernos necesitados de maiorías
suficientes”, matizou.
O presidente da Xunta sinalou que o
presente que nos tocou vivir non admite illamentos e advertiu de que
esixe con urxencia alianzas. Ao respecto, afirmou que tanto Castela e
León como Galicia entenderon esa dinámica crucial para o futuro, non en
clave de enfrontamento con outras partes do territorio nacional, senón
seguindo a pauta da reclamación serena e a reivindicación ben
fundamentada.
“Neste últimos anos marcamos xuntos unha senda que
se afasta tanto do silencio ante os esquecementos de que somos obxecto
como da algarabía propia dos nacionalismos excluíntes”, lembrou,
afirmando que Galicia síntese partícipe dunha política que, lonxe de
dicir que o Estado sobra, afirma que o Estado falta cando desatende os
desequilibrios territoriais.
Feijóo concluíu a súa participación
no foro económico facendo fincapé en que España intérnase nun período de
incertezas no que son máis necesarias que nunca a centralidade e a
moderación. “En ocasións esquécese que ambas virtudes son amplamente
maioritarias en comunidades como Castela e León e Galicia”, aseverou.