El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Esgotadas as prazas para a cuarta ruta de "Voando nas Rías Baixas"

07-05-2019 09:41:23
Ruta Voando nas Rias Baixas.

En tan só unhas horas despois da apertura do prazo de inscrición, a Deputación de Pontevedra tivo que pechar a recepción de solicitudes para participar na cuarta ruta do programa “Voando nas Rías Baixas”, unha iniciativa que impulsa a institución provincial en colaboración con SEO BirdLife. Esta actividade gratuíta desenvolverase o domingo 19 de maio nas Brañas de Xestoso, unha Zona de Especial Conservación protexida pola Rede Natura 2000, que está situada nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, nos límites dos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada. O principal obxectivo desta iniciativa é o de achegar ao público a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra, ao tempo que se conciencia e sensibiliza á poboación local.

As 25 persoas que participen nesta ruta poderán coñecer mellor as Brañas de Xestoso, que son un bo exemplo das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas como brañas, pradarías, carballeiras ou a lagoa Sacra de Olives. Nos meses de primavera, estes ecosistemas son hábitats ideais para observar e escoitar o escribano cerillo, o escribano montesino, a alondra, o zorzal charlo, o trigueiro ou especies migratorias procedentes de África coma o alcaudón dorsirrojo, o bisbita arbóreo, o cuco ou a abubilla. Así mesmo, son magníficos lugares para as rapaces, aves coma o aguilucho cenizo, o aguilucho lagunero occidental, a culebreira europea, o abelleiro europeo ou o falcón peregrino.

Para o mellor seguimento da actividade, a Deputación vai poñer a disposición das persoas participantes prismáticos de observación de aves, dous telescopios terrestres de alta gama para non molestar ás aves e unha guía ornitolóxica para cada unha das persoas participantes na ruta.

Tralas primeiras propostas de “Voando nas Rías Baixas”, polo Esteiro do Río Miño no Baixo Miño e a Foz da Ramallosa no Val Miñor, a Enseada de San Simón na Ría de Vigo, a Reserva Ornitolóxica do Grove no Salnés, e esta cuarta ruta polas Brañas de Xestoso, o programa continuará o 16 de xuño na Serra do Suído que discorre polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo.

“Voando nas Rías Baixas” ten por obxectivo converter a provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable. O turismo ornitolóxico é unha actividade que esperta un grande interese, sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves. Departamento de comunicación / Deputación de Pontevedra





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias