O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez
Almuiña, presentou hoxe no Parlamento o novo Proxecto de Lei
Farmacéutica de Galicia. Trátase dun documento nacido co obxectivo de
adaptarse aos numerosos cambios sociais ocorridos dende o ano 1999, data
na que se aprobou a Lei vixente na actualidade. Segundo dixo Almuiña
esta Lei, ademais ten un segundo obxectivo que non é outro que
solucionar, de xeito, eficaz as necesidades e demandas actuais dos
usuarios e profesionais das farmacias.
O conselleiro fixo na súa
intervención un repaso polas principais novidades e puntos destacados na
Lei. Así, e coa nova regulación, un farmacéutico só poderá ser titular
ou propietario (ou cotitular ou copropietario) dunha única oficina de
farmacia e esixirase a súa presencia física no seu establecemento de
maneira oficial durante o horario de atención ao público.
Outro
dos aspectos destacados, dixo Almuiña, é a modificación do cálculo de
oficinas de farmacia necesarias por módulo de poboación. Deste xeito
vaise garantir unha planificación farmacéutica máis axustada ás
necesidades reais da poboación. Esta medida ven reforzada pola
posibilidade de que no novo mapa farmacéutico estea prevista, para as
novas farmacias, a instalación dunha botica anexa vinculada nunha zona
de difícil acceso ou onde o peche dunha oficina de farmacia deixe sen
atención unha área determinada. O titular de Sanidade tamén fixo mención
a que, por primeira vez, contémplase á atención farmacéutica
domiciliaria en supostos moi excepcionais (algúns casos de persoas
dependentes ou en zonas illadas que cumpran unhas determinadas
condicións).
O conselleiro remarcou que esta nova Lei establece
procedementos de adxudicación de novas oficinas de farmacia mais áxiles e
rápidos. Introdúcese así, como novidade, a convocatoria dun concurso
previo de traslados ao que poderán concorrer os farmacéuticos titulares
ou cotitulares dunha oficina de farmacia establecida en Galicia.
Posteriormente convocarase outro concurso de traslados para a provisión
das oficinas vacantes tantos as novas recollidas no mapa farmacéutico
non cubertas como as que quedaran libres por traslado do titular. Este
segundo concurso estaría aberto a todos os farmacéuticos, sempre que non
tiveran transmitido unha farmacia propia nos 10 anos anteriores. Outras
novidades son que a administración poderá solicitar un aval ao
adxudicatarios das farmacias e que se eleva de 3 a 15 anos o período de
tempo mínimo para poder transmitir unha farmacia tras obtela en concurso
público.
Tamén subliñou Almuiña un cambio referido á titularidade
das farmacias, xa que ata o de agora, o farmacéutico titular perdía a
autorización administrativa para rexentar a farmacia ao cumprir os 70
anos, salvo que nomeara un farmacéutico rexente nos casos de xubilación.
Coa nova lei, bastará con que contrate farmacéuticos adxuntos
adicionais.
Limitacións ás oficinas de farmacia
Dentro
desta nova Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia, establécense unha
serie de limitacións no caso de que as oficinas de farmacia leven a cabo
outras actividades distintas ás de dispensación de medicamentos e
produtos sanitarios. Así estará prohibido desenvolver actividades de
venda de produtos distintos dos propios do canal farmacéutico e o
desenvolvemento na oficina de farmacia de actividades comerciais por
sociedades mercantís ou outras entidades con personalidade xurídica
diferenciada da dos farmacéuticos titulares.
O conselleiro tamén
aludiu á prohibición de arrendamento, subarrendamento ou cesión dos
locais da oficina de farmacia e a necesidade de que o titular, ou polo
menos un dos titulares, posúa a titulación concreta no caso de
desenvolvemento de actividades de óptica, análises clínicas, ortopedia,
audioprótese, nutrición ou calquera outra actividade sanitaria
expresamente autorizada.
A lei tamén recolle expresamente a prohibición
de toda forma de publicidade ou actividade promocional das oficinas de
farmacia, agás nos casos que se determinen.Almuiña non quixo
pechar a súa intervención sen remarcar que esta nova Lei naceu do
consenso e que contou coa colaboración e as achegas do Colexios
profesionais de farmacéuticos de Galicia.