O pasado mes de abril en Galicia pode
considerarse moi cambiante en canto ás temperaturas e moi chuvioso. Esta
é unha das conclusións que se recolle no informe climatolóxico
elaborado por MeteoGalicia e que é de acceso público na web desta
entidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda.
A pesar de que abril foi moi cambiante, houbo un
predominio das baixas presións, feito que explica que as chuvias
acumuladas estivesen moi por riba do agardado. Non obstante, os períodos
de anticiclón, aínda que máis escasos, achegaron temperaturas elevadas,
polo que a temperatura media non se afasta moito da agardada en abril.
De
feito, as temperaturas tiveron oscilacións moi importantes durante o
mes, con períodos moi fríos, principalmente ao principio (xornadas do 2 a
7) e ao final (días 23 a 26), pero tamén un par de situacións
anticiclónicas con elevadas temperaturas, que foron capaces de cancelar a
anomalía negativa das baixas temperaturas dos períodos mencionados,
para deixar unha media en xeral normal para esta época do ano.
Así,
o valor medio das temperaturas máximas no mes de abril para Galicia foi
de 15.1 ºC, rexistrándose os valores máis altos principalmente no Miño
ourensán, onde se acadaron os 20 ºC. En canto ao valor medio das
temperaturas mínimas, este foi de 5.3 ºC, sendo os valores máis baixos
os rexistrados en Pena Trevinca e no Macizo de Manzaneda, onde as
temperaturas acadaron valores negativos, aproximándose aos -1.4 ºC.
En
relación coas precipitacións, as chuvias acumuladas durante o mes
estiveron moi por riba dos valores climáticos. De feito, cos episodios
chuviosos dos primeiros 10 días xa caera aproximadamente a cantidade
normal de chuvia, polo que a chegada das seguintes borrascas, algunha
delas bastante activa, explica o exceso de chuvia rexistrado neste mes,
onde a precipitación media acumulada foi de 203 L/m2.
Para ampliar esta información, poden consultar o Resumo do Informe
climatolóxico abril 2019, dispoñible na web de Meteogalicia.