O BNG encara as eleccións do 26M con
“optimismo e decisión” sabendo que ten motivos para “ir a por todas” e co
obxectivo de estender por Galicia o modelo municipal de éxito do Bloque que ten
demostrado que funciona transformando en positivo vilas e cidades, mellorando a
vida das persoas e axudando a construír país desde os concellos.
“Ese é o reto que nos fixamos: máis
BNG nos concellos, máis concellos gobernados co modelo municipal do BNG, un
modelo de éxito, que mellora a vida das persoas e que demostra que, cando
confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e
logramos grandes cousas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, no acto
que congregou en Santiago a unha representación de alcaldes, alcaldesas e
candidatos.
“O noso modelo está testado e funciona e por iso
queremos estendelo por Galiza o 26M”, recalcou, “unha cita coas urnas na que imos a por todas, porque nos sentimos especialmente fortes,
queremos sumar concelleiros e concelleiras, gañar máis alcaldías para formar
máis gobernos BNG. E por suposto, avanzar para ter máis peso político en todas
as cidades”, sintetizou. Para logralo, o aval do traballo feito
e os sinais de identidade dos gobernos nacionalistas. Son concellos sociais,
porque colocan no centro da actuación política mellorar a vida das
persoas, iso é o que está detrás da rexeneración e renovación urbanas, da
peonalización, da defensa dos servizos públicos, da aposta polo dinamismo cultural e de ocio. “Unha acción
de goberno que busca algo
moi importante: que as veciñas e os veciños sexan máis felices”, salientou.
No ADN dos gobernos locais tamén o feito de ser concellos
orgullosos do noso, “con autoestima de país, que defenden o idioma, a
cultura e a identidade propia, con confianza
no país e na súa xente, viva no medio rural ou no urbano, porque en
ambos logramos concellos que son referencia”, argumentou a dirixente
nacionalista. Igualmente, destacou que estamos ante concellos
honestos e eficaces na xestión, “libres de corrupción, transparentes,
participativos, nos que se optimiza cada euro, cunha aposta pola economía local,
nos que a veciñanza é quen máis ordena”.
E son concellos feministas e sostibles,
“porque o futuro só é posible con mulleres libres, gobernos nos que a defensa
da igualdade e a loita contra as violencias machistas son dúas caras da mesma
moeda, concellos sustentables, porque coidar o patrimonio, territorio e o medio
ambiente é unha obriga moral para deixar un lugar mellor ás xeracións que veñen
detrás”.
Maxia... pero co rumbo claro
Antes de Pontón, as intervencións políticas da
concelleira de Benestar en Sada, Isabel Reimundez, que falou da “maxia” dos
concellos BNG “pero desde o traballo diario”, para dar paso “a dous dos magos”
máis significativos do modelo municipal do Bloque, como cualificou aos
rexedores de Carballo e Pontevedra.
“Chamáronme de moitas maneiras na miña
traxectoria política, pero nunca antes mago”, replicou Evencio Ferrero que
concretou en dous eixos a fórmula BNG: “O cariño polo lugar que sentimos como
propio, lugar que nos gusta ver avanzar para vivir nun espazo que lles permita ás
persoas ser máis felices e, segundo eixo, a visión estratéxica, o proxecto do
concello que queremos construír cun horizonte e as idas claras, sen
improvisacións. Esa é a maxia que aplicamos”.
O alcalde pontevedrés atribuíu o éxito
dos gobernos nacionalistas “á confianza no país e na nosa xente”.
“Cando me
preguntan se o modelo Pontevedra o podería desenvolver outra forza contesto que
non, porque o BNG elabora un proxecto propio, centrado na nosa realidade e esa
confianza no que somos como país e como pobo é o que nos diferencia”, salientou
Miguel Anxo Fernández Lores, convencido de que, pese aos logros, “o mellor está
por vir”.
Fame doutra Europa
Pontón pechou a súa intervención
lembrando que a cita coas urnas inclúe as eleccións europeas e puxo en valor o
traballo da candidata Ana Miranda. “É a garantía de que Galiza siga tendo voz propia en Europa e tamén a
candidatura das persoas comprometidas coa defensa da democracia, dos valores
republicanos, dos dereitos sociais e nacionais”, salientou.
Subliñou que esta “etapa de involución democrática” deixou
en evidencia o que sempre denunciou a formación nacionalista, “que a UE non só
prexudicou sectores básico da economía do país senón que é un instrumento ao
servizo dos estados e do capital”.
“Temos fame doutra Europa, social, dos pobos,
solidaria, democrática, que alce a voz contra o recorte de dereitos e
liberdades, que non deixe tiradas a
millóns de persoas, mentres se rescata a banca ou se lexisla para os
lobbies. Para construír unha Europa da que non avergoñarnos,
para iso tamén vale a presenza do BNG en Bruxelas”, concluíu. Departamento de comunicación / BNG