El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

DÍA DAS LETRAS GALEGAS | CGAI

O CGAI celebra o Día das Letras cunha semana dedicada ao audiovisual feito en Galicia

13-05-2019 15:42:30

Noticia patrocinada por IdoVisual | O cinema feito en Galicia centra esta semana a programación coa que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) se suma, como cada ano, á celebración do Día das Letras Galegas en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. A figura pioneira do produtor coruñés Víctor Ruppén, os últimos premios Mestre Mateo do audiovisual galego e o documental etnográfico son os tres eixos da carteleira que poderá verse, con entrada gratuíta, desde mañá e ata o sábado na sede coruñesa da filmoteca da Xunta.

Dentro do ciclo A ilusión perfecta, a través do que o CGAI busca recuperar e reivindicar persoas e obras que xogaron un papel sobranceiro na historia do noso audiovisual, a sesión de mañá martes, ás 20,30 horas, homenaxeará o recentemente falecido Víctor Ruppén a través dunha escolma de títulos que produciu nos anos setenta e que se sitúan entre as primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35 mm: Fendetestas (1975), de Antonio Simón; Illa (1975), de Carlos A. López Piñeiro; O herdeiro (1976), de Miguel Gato, e O pai de Migueliño (1977), de Miguel Castelo. 

Para presentar estas tres fitas, estarán na sala de proxeccións da filmoteca galega a investigadora Sara Donoso e os directores Antonio Simón e Carlos A. López Piñeiro, que tamén compartirán cos espectadores a transcendencia do traballo de Ruppén nos comezos do cine profesional galego. Neste sentido, as súas actividades empresariais e culturais no ámbito audiovisual estendéronse aos campos da distribución, coa creación de Musidora Films, e da exhibición como impulsor dos cines Valle Inclán da Coruña e Santiago, así como dos Alphaville de Madrid.  


Filmes galardoados 

A programación continuará o mércores e o xoves co habitual ciclo dedicado aos Premios Mestre Mateo, que cada ano organiza a Academia Galega do Audiovisual dentro das accións de difusión asociadas á convocatoria anual dos seus galardóns e para as que conta co apoio económico da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). 

O do mércores 15, ás 20,30 horas, será o primeiro destes pases, no que o director Luis Avilés presentará a película coa que logrou o Mestre Mateo ao mellor documental: Idénticas, filme sobre dúas irmás xemelgas de 7 anos que padecen etereoplaxia ósea progresiva, unha enfermidade dexenerativa e invalidante, cualificada como ultrarara.

O xoves 16 será a quenda para os traballos gañadores dos premios ás mellores curtametraxes e á mellor longa. Así, ás 18,00 horas. proxectaranse A nena azul, pola que Sandra Sánchez obtivo o Mestre Mateo á mellor curta de ficción, e Soy una tumba, de Khris Cembe, recoñecida como mellor curta de animación. Xa a partir das 20,30 horas poderá verse no CGAI La sombra de la ley, de Dani de la Torre con produción de Vaca Films, que ademais de como mellor longametraxe, tamén foi galardoada noutras nove categorías da pasada edición dos premios do audiovisual galego. 


Documentais etnográficos 

Este especial das Letras Galegas concluirá o sábado 18 cunha nova entrega da sección Off Galicia, mediante a que a filmoteca lle ofrece ao público unha mostra heteroxénea das últimas tendencias do cine galego, ademais de difundir títulos e nomes clave na historia da nosa cinematografía. Desta volta, centrarase na visión etnográfica cos pases de El hombre y el carro (1940), documental do cineasta ourensán Antonio Román con guión e produción de Xaquín Lorenzo Xocas e montaxe de Carlos Serrano de Osma, e da versión que, baixo o título O carro e o home, montou Eloi Lozano en 1980 a partir do copión conservado no Museo do Pobo Galego.

Nesta mesma sesión de Off Galicia, que dará comezo ás 18,00 horas, exhibirase Arraianos (2012), de Eloy Enciso. Esta crónica sobre unha pequena comunidade rural na fronteira entre Galicia e Portugal, na que se mesturan realidade, ficción e mitos, valeulle ao seu director o premio Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, entre outros recoñecementos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias