El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | DÍA DOS MUSEOS

A Xunta organiza unha programación especial para celebrar o Día Internacional dos Museos

13-05-2019 18:17:04
Día Internacional dos Museos.

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo ofrecen durante toda esta semana un amplo programa de actividades para todos os públicos para celebrar, o 18 de maio, o Día Internacional dos Museos baixo o lema Os museos como eixes culturais: o futuro da tradicións. O obxectivo marcado nesta edición polo Consello Internacional de Museos é subliñar os novos papeis que desempeñan os museos como axentes activos nas súas comunidades. Con este fin, os museos de xestión autonómica teñen programadas actividades como xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, espectáculos de monicreques ou romarías.

Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio. É o caso do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que hoxe ofrece unha visita guiada á antiga sede do museo. Será as 21,00 horas e poderase participar nesta actividade tamén os días 14, 15 e 16 de maio. Hoxe tamén arranca a programación no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense cun obradoiro didáctico dirixido ao alumnado da ESO e Primaria que leva por título Reinterpretando o pasado e que se celebrará todos os días lectivos desta semana entre as 11,00 e as 12,30 horas. Ademais, o mércores o museo ourensán tamén acollerá a presentación do libro Álvaro de Cadaval Valladares y Sotomayor. Para completar a axenda dos días previos, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ten programadas visitas guiadas ao edificio do museo (mércores e xoves ás 20,15 horas). 

O Museo Etnolóxico de Ribadavia decidiu adiantar, así mesmo, a celebración do Día Internacional dos Museos. Hoxe e mañá terá lugar, entre as 10,00 e as 14,00 horas, unha visita teatralizada ao museo, así como obradoiros para escolares. Ademais, o xoves a Escola Municipal de Música de Ribadavia ofrecerá un concerto nas instalacións do museo. O 17 de maio, coincidindo co Día das Letras, o museo participará na romaría Etnográfica Raigame. O Museo Etnolóxico de Ribadavia alongará as actividades ata finais do mes de maio con unha visita ao Museo Comarcal de Fonsagrada (sábado 25 de maio) e unha charla sobre astronomía e unha actividade de observación do ceo, na noite do venres 31 de maio. 

Na Fundación Camilo José Cela os actos para o Día dos Museos enmárcanse na celebración do Letreseo, xa que nunha mesma semana se conmemora o nacemento de Camilo José Cela (11 de maio) o Día das Letras (17 de maio) e o Día dos Museos (18 de maio). Con este motivo, o acceso a Fundación Camilo José Cela é gratuíto durante toda a semana. Ademais, o sábado 18, haberá unha visita teatral a partir das 17,00 horas.  


Actividades para todos os públicos 

O 18 de maio, todos os museos teñen xornada de portas abertas, con entrada de balde. Ademais, no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense está prevista unha sesión vermú amenizada polo grupo Blues do País. 

Pola súa banda, no Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, o Día Internacional dos Museos contará cunha ampla axenda que empezará ás 17,30 horas con xogos tradicionais e a actuación do grupo Festicultores Toupe. A xornada continuará cun concerto de swing protagonizado polo grupo Por mi swing, que se celebrará ás 19,30 horas. Para terminar ofreceranse petiscos e queimada a partir das nove da noite. 

A música tamén está presente na programación do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que rematará a súa programación co concerto de jazz a cargo de A viaxe de Yoyo. Antes diso haberá un obradoiro de elaboración de monicreques para o público infantil, que se celebrará en sesións de 30 minutos entre as 11,30 e as 13,30 horas, e un espectáculo de monicreques a cargo de Títeres Cachirulo, ás 19,00 horas. 

No caso do Museo de Belas Artes da Coruña a actividade iniciarase ás 11,00 horas co obradoiro Museocine, que se repetirá ás 12,30, 17,30 e 19,00 horas. Xa pola tarde, a partir das 18,30, haberá unha visita guiada. A programación rematará as 21,30 horas co concerto Rock no museo. Por outra parte, o Museo Massó de Bueu ten previsto un obradoiro práctico de aprendizaxe de nós mariñeiros básicos e elaboración dun chaveiro co nó puño de mono. Será a partir das 11,30 horas e está dirixido a nenos maiores de 7 anos. 


Centro Galego de Arte Contemporánea 

O CGAC ten programadas diferentes sesións arredor do Día dos Museos. A primeira delas terá lugar o día 14 de maio cun programa de cinema fantástico de principios do século XX con banda sonora orixinal en directo que se repetirá na xornada do mércores 15 de maio. Ademais, tamén o martes o Centro Galego de Arte Contemporánea desprazarase á sede da Fundación Eduardo Pondal coa vontade de abrir o museo á sociedade. Nesta xornada, traballarase coa mocidade nun taller no que se reflexionará sobre a arte e arquitectura partindo da súa propia realidade urbanística. 

Outras das actividades que acollerá o CGAC son o Programa de Educación Artística para a Integración de Persoas con Diversidade Funcional –mércores entre as 17,00 e as 19,30 horas– ou o Programa de Visitas guiadas á arquitectura e á historia do CGAC –venres, sábado e domingo a partir das 12,00 horas–. Coincidindo co Día Internacional dos Museos, o público poderá achegarse ao CGAC para gozar das mostras de Loreto Martínez Troncoso, Ángela de la Cruz e René Heyvaert acompañado por mediadoras especializadas en arte. A visita partirá da recepción do museo ás 12,00 horas e ten como finalidade estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte. 


Cidade da Cultura 

A Cidade da Cultura propón un amplo programa, enteiramente de balde, que inclúe edicións especiais das visitas comentadas ás exposicións, obradoiros de artesanía nos que se conxuga tradición e creación contemporánea e un vermú musical con piano-bar ambientado nos anos 30 e 40 no Hall de Tirantes do Museo. Así, a actividade central será o obradoiro colectivo de cestería Enleadas. Estará impartido por dúas das nosas creadoras artesás máis vangardistas e internacionais: as cesteiras Julia de la Cal e Idoia Cuesta –Premio Nacional de Artesanía 2014 e creadora de pezas que teñen chegado á Pasarela Mercedes Benz Fashion Week de Madrid xunto á deseñadora Sara Coleman ou á firma LOEWE–. 

Pola súa banda, os artesáns Susana González, Antón Román e Roberto Piñeiro impartirán un segundo obradoiro-demostración, neste caso de torneado cerámico. Será unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man esta disciplina artesá, gozar da experiencia de ver como se traballa nun oficio con tanto peso e arraigamento no noso patrimonio, e incluso sentar ao torno para modelar o barro coas propias mans e levar para a casa unha pequena peza de recordo. 

A programación complétase con edicións especiais das visitas comentadas ás dúas exposicións que actualmente acolle o Museo Centro Gaiás, Pensar coas Mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia e Valor e mestría. Galicia como fútbol, guiadas polos comisarios das mostras, Verónica Santos e Rubén Ventureira. Tamén o Gaiás Secreto programa unha edición especial con motivo dos festexos do Día dos Museos. 

Para pór o toque lúdico a esta xornada festiva nos museos de todo o mundo, todas as persoas participantes están convidadas tamén a unha sesión vermú musical ambientada nos anos 30 e 40. Para esta actividade, que conta coa colaboración de Petroni, o grupo Le BarLuthier traerá a música do seu piano-bar ao Hall de Tirantes do Museo entre as 13,00 e as 14,00 horas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias