O Ministerio de Facenda vén de confirmar
que Galicia é unha das comunidades autónomas que cumpriu no ano 2018
todas as regras de estabilidade orzamentaria, xa que cumpriu o obxectivo
de déficit, o límite de débeda pública e a regra de gasto do exercicio.
Isto supón que a Comunidade Autónoma evita ter que presentar un plan
económico-financeiro (PEF), que si terán que realizar as administracións
que incumpren algún dos tres obxectivos.
Tal como establece o
informe que vén de publicar o Ministerio de Facenda, Galicia cumpriu no
exercicio 2018 o obxectivo de déficit público, que estaba fixado no 0,4%
para todas as administracións autonómicas, xa que Galicia pechou o
exercicio con superávit contable por primeira vez nos últimos 16 anos. Este
informe do Ministerio de Facenda aínda non actualiza a cifra do
superávit de 2018 para incluír o cálculo correcto, que é de 125 millóns
de euros. De feito, o informe aínda recolle o cálculo inicial de 104
millóns de euros publicado en marzo pola Administración Xeral do Estado,
pero Galicia xa lle ten trasladado ao Ministerio de Facenda a
explicación técnica correspondente para subsanar este erro.
O
mesmo sucede co límite de débeda pública, xa que o informe do Ministerio
de Facenda mostra que Galicia pechou o exercicio cunha ratio de
débeda/PIB do 18,0%, cifra que xa foi actualizada polo Banco de España
ao 18,1%. En todo caso, o informe confirma que Galicia pechou o
exercicio cumpriu o límite máximo autorizado polo Consello de Política
Fiscal e Financeira, que era do 18,4% para a Comunidade Autónoma.
Finalmente,
o informe tamén ratifica que en 2018 Galicia cumpriu o límite da regra
de gasto, un mecanismo que ten como obxectivo evitar consolidacións
procíclicas de gasto na Administración, evitando un aumento excesivo dos
gastos estruturais que, en épocas de dificultade, non poidan ser
afrontados.
Co cumprimento dos tres obxectivos de estabilidade,
Galicia evita a aprobación dun plan económico-financeiro, obrigatorio
cando unha Administración incumpre algún destes parámetros. Ademais,
Galicia beneficiarase doutras vantaxes derivadas deste cumprimento, como
o acceso ao Fondo de Facilidade Financeira, a concesión de avais a
empresas ou a utilización dunha taxa de reposición de efectivos públicos
maior da que poderán usar as comunidades autónomas incumpridoras.