El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | ATENCIÓN PRIMARIA

Constituído o Consello Técnico de Atención Primaria, do que formarán parte 55 profesionais

14-05-2019 21:11:46
Consello Técnico de Atención Primaria.

O Consello Técnico de Atención Primaria constituíuse esta tarde cun total de 55 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario. O nomeamento dos membros do Consello terá unha duración de tres anos e o pleno do consello reunirase, polo menos, dúas veces ao ano, ou a requirimento da presidencia ou dun terzo dos seus membros.

A constitución do Consello Técnico de Atención Primaria ratifica o compromiso adquirido por Sanidade de facelo na primeira quincena de maio. A súa creación está enmarcada no cumprimento dos acordos acadados entre Sanidade e as organizacións sindicais o pasado día 8, logo do proceso iniciado por Sanidade para poñer en marcha un novo modelo do primeiro nivel asistencial. 

Considérase necesaria a creación deste Consello que, cun carácter permanente, realice funcións en relación con aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria, dende unha visión multidisciplinar, que se reflicta na súa composición e que poida aconsellar e tratar os programas e medidas a desenvolver neste proceso. Neste senso, no organismo están representados os colexios profesionais do ámbito sanitario, as sociedades científicas, as organizacións sindicais, asociacións, entidades locais e os usuarios, entre outros.  


Membros do Consello 

O Consello está presidido polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández Campa, e conta con vogais a proposta de Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria; da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia; da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria; da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria; da Sociedade Galega de Fisioterapeutas; da Asociación Española de Traballo Social e Saúde; da Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria de Galicia, así como un vogal a proposta de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de sanidade. 

Tamén haberá un vogal a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias; das asociacións que forman parte do Consello Asesor de Pacientes; dos Colexios Oficiais de Galicia de Médicos, de Enfermería, de Farmacéuticos; de Fisioterapeutas; e de Traballadores Sociais. Asemade, no Consello están representadas as consellerías da Xunta competentes en materia de Educación e de Servizos Sociais; así como Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e os departamentos do Sergas de recursos económicos, humanos, formación e tecnoloxías da información. 


Funcións do Consello Técnico 

O consello está encargado da análise e avaliación das necesidades de recursos humanos no ámbito da Atención Primaria; a análise da mellora da súa capacidade resolutiva e da carteira de servizos; das liñas de xestión de procesos asistenciais de Atención Primaria e de propostas de mellora das relacións de Primaria coa Atención Hospitalaria; e o estudo e análise de propostas de nova organización da xestión do primeiro nivel asistencial. 

Outras funcións do Consello serán elaborar programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación e asesorar ao Sergas nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria e sobre aspectos relacionados coa formación, docencia e investigación da Atención Primaria. Tamén analizará o Consello as liñas de xestión de procesos asistenciais de Primaria e de propostas de mellora das relacións entre Primaria e Hospitalaria. 

Ademais da constitución do Consello Técnico, na reunión de hoxe, comezouse a traballar no seu regulamento e deuse conta dos acordos adoptados nas mesas sectoriais dos días 26 de abril e 3 de maio. Entre outros asuntos, nesas mesas sectoriais abordouse o incremento de 308 novas prazas para atención primaria co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional e a convocatoria inmediata dun total de 528 prazas en categorías de atención primaria. Tamén se abordaron diversas melloras para o nomeamento estatutario de continuidade, como a libranza ao día seguinte das gardas no PAC, a programación mensual fixada nun 80% e a equidade no reparto de gardas. Na reunión tamén se abordaron outras actuacións previstas dentro do Plan de Atención Primaria a corto, media e longo prazo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias