O Portal da Lingua Galega, www.lingua.gal,
da Consellería de Cultura e Turismo, difunde desde hoxe na súa sección
dedicada ás Letras Galegas do ano 2019 os 12 vídeos de conversas con
Antonio Fraguas pertencentes ao proxecto Antonio Fraguas, da aldea á
Academia, elaborado por Acuarela Comunicación coa colaboración da
Secretaría Xeral de Política Lingüística por medio da mencionada
secretaría xeral. Trátase dunha selección de conversas do director de
cinema Xan Leira co autor das Letras Galegas 2019 gravadas nos anos 1997
e 1999, poucos meses antes do pasamento de Antonio Fraguas.
As 12
pezas que conforman o proxecto refírense a diferentes momentos da vida
do polígrafo de Cerdedo-Cotobade e, a través dela, da historia social,
cultural e política da Galicia do século XX. Nelas amósase a importancia
que o autor lle daba á investigación, recuperación e transmisión do
saber popular para elevalo a categoría académica. Este contido vese
reflectido nos títulos dos doce vídeos: Os primeiros tempos, Castelao, o
seu mestre de debuxo, As Irmandades da Fala, O Seminario de Estudos
Galegos, O Partido Galeguista, A campaña polo Estatuto, O seu ingreso na
RAG, Reflexións sobre a lingua galega, Mitos e lendas, Sobre o traxe
tradicional galego, Sobre os oficios e Sobre os xogos tradicionais.
Os
vídeos de conversas que integran o proxecto Antonio Fraguas, da aldea á
Academia forman parte dos recursos que a Xunta de Galicia pon a
disposición dos equipos de dinamización da lingua galega, centros de
estudos galegos e, en xeral, da cidadanía, para difundir a vida e a obra
do autor a quen se lle rende homenaxe o Día das Letras Galegas. Entre
eles unha biografía de Fraguas, imaxes, vídeos, unidades didácticas e
recursos elaborados polos propios equipos de dinamización da lingua dos
centros educativos: xogos, cancións, carteis e ata un telexornal. Todos
eles están accesibles en www.lingua.gal/letras-galegas-2019.