O director xeral de Gandaría,
Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, informou hoxe
no Parlamento de que durante os próximos días e ata principios de xuño a
Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía
Agraria (Fogga), realizará pagos superiores a 40 millóns de euros da
campaña da PAC 2018, na que houbo unhas 29.000 solicitudes en Galicia.
En
resposta a unha pregunta sobre este asunto na Comisión 7ª, Balseiros
indicou que tendo en conta os pagos xa realizados en novembro e decembro
do ano pasado, o importe previsto de pagamentos totais estímase en 170
millóns de euros de axudas directas e 40 millóns de euros para as
medidas de desenvolvemento rural.
Así, en axudas directas
pagaranse máis de 25 millóns relativos a complementos de pagos parciais
das liñas de pago básico, pago verde e pequenos agricultores.
Realizaranse pagos totais das axudas de mozos agricultores e das axudas
acopladas de superficies e de gandaría (cebo de tenreiros, ovino e
caprino).Por outra banda e con respecto ás medidas de zonas con
limitacións naturais, agroambiente e clima e agricultura ecolóxica, o
volume total de pagos calculado polo Fogga superará os 15 millóns de
euros.
En canto ás previsións para a campaña de 2019, o director
xeral sinalou que se agarda unha situación semellante á de 2018, con
arredor de 29.000 solicitudes. Destacou ademais que este ano vaise
continuar coa modernización e simplificación da PAC mediante a
substitución dos tradicionais controis sobre o terreo polo monitoreo das
superficies declaradas para pagamento básico. Farase no concello
pontevedrés de Forcarei, mediante o uso de imaxes de satélite e doutras
tecnoloxías coma os drons, as fotos xeoetiquetadas ou a intelixencia
artificial.
Couza guatemalteca da pataca
Por outra banda,
José Balseiros lembrou –en relación cunha pregunta sobre a couza
guatemalteca da pataca– que Medio Rural editou un folleto informativo
para asesorar aos almacenistas nesta materia. Esta publicación fai
fincapé na necesidade de limpar e desinfectar os almacéns onde
tradicionalmente se acumulaban as patacas producidas na propia
explotación. O folleto incorpora recomendacións para realizar os
traballos de illamento e limpeza dos tubérculos, así como para realizar
un pequeno almacén no que ter as patacas en condicións de bioseguridade,
co fin de previr a aparición da couza.
Noutra orde de cousas e en
relación cunha pregunta sobre a titularidade compartida das
explotacións, o director xeral explicou que as dificultades atopadas en
Galicia –coma no conxunto de España– para aplicar con éxito a lei de
titularidade compartida das explotacións débense á existencia doutras
formas xurídicas. Entre elas salientou especialmente a da sociedade
civil, na que se promociona a presenza da muller como titular e que leva
máis anos a disposición dos agricultores. Nesta liña, Balseiros
advertiu que actualmente en Galicia hai algo máis de 42.000 explotacións
titularidade de persoas físicas e que, nese caso, o 52% corresponden a
mulleres. No que atinxe ás persoas xurídicas, son 5.681 e o 37% ten a
forma de sociedade civil. Delas, un 90% están formadas por matrimonios,
cun reparto da participación ao 50% entre homes e mulleres.
O
director xeral contestou tamén outra pregunta sobre froiticultura. Na
súa resposta, José Balseiros lembrou que Medio Rural investiu catro
millóns de euros o pasado ano en axudas para apoiar explotacións
agrícolas especializadas en produción vexetal e que este ano ten
previsto realizar unha nova convocatoria semellante. Entre os seus
beneficiarios están os produtores de cultivos leñosos como as froiteiras
e as oliveiras. Indicou ademais que a consellería conserva no banco de
xermoplasma dos centros de investigación agraria e forestal distintos
ecotipos de cereais, millo e froiteiras autóctonas, co fin de fomentar a
súa plantación.
Vendima da DO Ribeira Sacra
Pola súa
banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal),
Manuel Rodríguez, fixo unha valoración positiva da última vendima na
denominación de orixe Ribeira Sacra. En resposta a unha pregunta sobre o
tema, Rodríguez destacou que a produción de 2018 superou en case un 12%
a de 2017 e situouse case un 10% por riba da media do período
2009-2018.
Así mesmo, salientou a aposta desta DO polas variedades
autóctonas, especialmente polas tintas e dentro delas pola Mencía, algo
que –dixo– facilita que unha denominación de orixe pequena como esta
estea ben posicionada no mercado. Por último, amosouse convencido de que
os viños desta colleita na Ribeira Sacra van ser de moi boa calidade.