El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | FACENDA

Facenda reforza con 52 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na campaña da renda

02-06-2019 11:47:53

A Consellería de Facenda, a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), reforza con 52 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2018, dous máis que o ano pasado. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Xunta de Galicia que están a desempeñar labores de coordinación.

Sobre a base da experiencia adquirida en campañas anteriores, a ATRIGA está a colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2018, e este ano destina un total de 246.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación.

Esta campaña de reforzo comezou o pasado 14 de maio e estará operativa ata o vindeiro 1 de xullo. Todos aqueles contribuíntes que desexen acceder a este servizo teñen que solicitar a cita previa por teléfono ou por internet na web da AEAT. O prazo para pedila remata o vindeiro día 28 de xuño.

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2017, o persoal aportado pola ATRIGA ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiu atender 45.273 citas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF. Delas, o maior número  correspondeu á plataforma conxunta de Vigo, con 13.484; seguida de Pontevedra, con 7.424; Santiago, con 5.849; Ourense, con 5.614; Lugo, con 4.778; A Coruña, con 4.604; e Ferrol, con 3.520 citas atendidas.

Deses 52 contratados para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2018 -que atenden outros tantos postos nas plataformas mixtas-, 13 corresponden á cidade de Vigo; nove, á de Pontevedra; seis, á de Santiago; así como outros seis ás da Coruña, Ourense, Ferrol e Lugo. 


Novidades fiscais 

No que se refire ao IRPF, introdúcense nesta ocasión diversas novidades aprobadas na Lei de medidas para o 2018, como son a dedución da cota íntegra autonómica do 15% das cantidades investidas na rehabilitación de bens inmobles situados en centros históricos, cun límite de 9.000 euros; a dedución na cota íntegra do imposto sobre a renda das persoas físicas do 20% (cun límite conxunto de 20.000 euros) das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de capital social como consecuencia dos acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra.

Completan as novidades neste apartado a dedución de cota íntegra autonómica por determinadas subvencións e/ou axudas obtidas a consecuencia dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017; e as deducións de cota íntegra autonómica para paliar os danos causados pola explosión de material pirotécnico que tivo lugar en Tui.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias