A Coruña | O
Goberno local presentou esta mañá a programación cultural e a estratexia
de promoción turística da festa de San Xoán, que iniciará as
actividades o vindeiro 17 de xuño con obradoiros e espectáculos
dirixidos a un público familiar que se estenderán polos barrios da
cidade e que culminarán con concertos na explanada de Riazor na noite de
San Xoán.
"Regresa esta festividade popular, espontánea, tradicional e
que ten tanto predicamento entre a poboación", introduciu o concelleiro
de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que estivo
acompañado polo edil de Emprego e Economía Social e responsable da área
de Turismo, Alberto Lema; a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada
Calatayud.
O cartel das festas deste ano está asinado por Manel Cráneo,
quen tamén estivo presente no acto, seguindo a liña do Goberno local de
impulsar a autores locais "aproveitando o absoluto esplendor creativo e
artístico do sector gráfico e a ilustración na nosa cidade".
Pola súa banda, Calatayud expuxo o labor realizado dende o Consorcio
de Turismo para a difusión desta festa de Interese Turístico
Internacional, que contará con materias de promoción en inglés e
campañas específicas, tanto online como en papel, en medios nacionais e
especializados en turismo, así como nun buscador de voos e nas canles de
difusión de Vueling.
A xerente explicou que a cidade concentrará nas
últimas semanas do mes de xuño e comezos de xullo varios eventos que
atraerán moitos visitantes á cidade como son a propia festa de San Xoán,
o Iberian Mice Fórum -o encontro profesional de congresos máis
importante do Estado- e as actividades de celebración do décimo
aniversario da proclamación da Torre de Hércules como Patrimonio da
Humanidade da Unesco, das que avanzou que haberá unha proxección sobre a
torre e un concerto de Mercedes Peón.
Programación
A noite do 23 de xuño terá lugar xunto ao Pazo dos Deportes de Riazor
unha nova edición do festival Sons de San Xoán. Nesta ocasión a cita
musical contará coa participación da banda galega Novedades Carminha,
que actuará a partir das 22.00 horas e, despois da queima e dos fogos de
artificio, contra ás 00.15 horas, comezará o concerto da Orquesta
Mondragón.
A programación municipal vinculada á celebración do San Xoán
incluirá, un ano máis, actividades dirixidas a público de todas as
idades a través da Ruada das Xoubas, unha proposta que inclúe 14
espectáculos de artes escénicas de compañías galegas e 12 obradoiros
infantís para a realización de xoubas de cartón e, na mañá do día 23, un
de herbas de San Xoán. Tal e como é habitual nas iniciativas promovidas
desde a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, a programación
descentralizarase co obxectivo de achegar a actividade a 13 barrios da
cidade: Sagrada Familia, Monelos, Palavea, Agra do Orzán, Santa
Margarida, Barrio das Flores, Novo Mesoiro, Os Rosais, Cidade Vella, San
Pedro de Visma, Castrillón, O Ensanche e Monte Alto.
En cada xornada
entre os días 17 e 22 haberá, en dúas localizacións, dous obradoiros,
que comezarán ás 18.00 horas, e dúas actuacións, que terán lugar a
continuación, ás 19.00 horas.
Pola contra, os días 23 e 24 a programación centralizarase unicamente
no Campo da Leña. O domingo celebrarase en horario matutino, cun
obradoiro de herbas ás 12.30 horas e o concerto de Revival Stompers
desde as 13.00 horas. O propio día festivo de San Xoán, a partir das
18.00 horas, a praza acollerá xogos populares. A continuación, ás 19.00
horas, actuará Pakolas e ás 20.00 horas Títeres Tanxarina ofrecerá o
espectáculo Titiricircus. A sesión vespertina acompañarase dun
pasacalles de Revival Stompers.
Cartel
O cartel está asinado polo autor coruñés Manel Cráneo, que amosou o
seu agradecemento polo encargo da imaxe para as festas de San Xoán, que
cualificou "dunha gran ledicia e dunha gran responsabilidade" porque,
dixo, é unha das festas "máis potentes de toda España". O cartel
representa A Coruña como unha muller, "unha serea saída do mar, unha
cidade de orixe mariñeira", cunha lumeirada como cabelo. Trátase,
segundo destacou, dun cartel "moi místico" que inclúe moitos elementos
da noite de San Xoán e que "conta tres historias, dúas nos brazos e
outra no tronco da serea". Ver programa