El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | CASO BREXIT

A Xunta amosa a súa preocupación ante unha posible saída británica sen acordo da UE

06-06-2019 12:54:44
Jesús Gamallo, na Comisión do Arco Atlántico.

Bruxelas | A Xunta de Galicia participou en Bruxelas nunha sesión política organizada pola Comisión do Arco Atlántico (CAA), da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), con motivo do 30 aniversario desta comisión xeográfica da que Galicia é membro desde a súa creación en 1989.

A reunión celebrouse nun momento de cambio para a Unión ante o inminente Brexit, co Parlamento británico rexeitando en varias ocasións o acordo de saída do proxecto europeo. Neste bloque do debate, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, interveu como coordinador do Grupo Operativo “Brexit”, o grupo de traballo específico da CAA encargado do seguimento das negociacións entre a UE e o Reino Unido. Este Grupo Operativo obtivo grandes resultados desde a súa creación en 2017 con oito reunións de alto nivel, unha declaración institucional e dous encontros con Michel Barnier, negociador en xefe da UE para o Brexit. Tras un balance da situación, Gamallo expresou a preocupación do goberno galego ante unha saída abrupta do Reino Unido do concilio europeo, lembrando que esta repercutiría en varios sectores económicos clave para Galicia.

Na súa intervención ante os membros da CAA, Jesús Gamallo presentou varias vías para mitigar os efectos dun Brexit duro e sen acordo. En primeiro lugar, o representante galego pediu priorizar a negociación dun acordo pesqueiro entre a UE e o Reino Unido, como condición previa a un acordo comercial que regule as relacións futuras entre ambas partes. O obxecto desta proposta é manter o statu quo actual, asegurar un acceso mutuo aos recursos mariños e os mercados e que se garanta a viabilidade futura do sector pesqueiro europeo e británico. En segundo lugar, Gamallo remarcou a necesidade de compensar economicamente aos pescadores e empresas pesqueiras que operen en augas británicas, como é o caso de preto de 96 entidades e 1.700 tripulantes galegos. O representante da Xunta de Galicia incidiu tamén no feito de que esta compensación económica proveña doutros fondos europeos aparte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). 

De cara a afrontar o reto dun Brexit sen acordo, Gamallo defendeu que se teñan en conta a solidariedade, o diálogo e máis a cooperación interrexional entre as rexións atlánticas a as británicas a fin de facilitar unha transición flexible cara unha UE sen Reino Unido nos ámbitos do comercio internacional e da mobilidade, tanto de turistas como de traballadores e estudantes. “Estamos convencidos de que a cooperación coas rexións británicas pode contrarrestar os efectos negativos do Brexit e servir de motor para impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento dos nosos territorios”, declarou ao término da súa intervención. 


Celebración dos 30 anos da Comisión do Arco Atlántico (CAA) 

A xornada de conmemoración dos 30 anos de actividade da Comisión do Arco Atlántico contou con numerosas intervencións nas que os membros da entidade ofreceron o seu punto de vista sobre o futuro da cooperación interrexional entre os territorios europeos bañados polo océano Atlántico. Os relatores analizaron os puntos en común que teñen as rexións atlánticas dos cinco Estados membros actuais da CAA, destacando o impacto do cambio climático no Atlántico, o potencial das enerxías mariñas renovables, a falta de conectividade, o desenvolvemento e adquisición de novas capacidades no ámbito marítimo, entre outros. 

Especialmente importante foi o debate sobre a posición política das rexións respecto á renovación en curso da Estratexia de Cooperación marítima no Atlántico, así como o papel destes territorios marítimos na negociación do Marco Financeiro Plurianual, onde a CRPM está defendendo os intereses das súas rexións con vistas á definición da futura Política de Cohesión. Así mesmo, expúxose a posibilidade de establecer unha estratexia macro-rexional no espazo de cooperación que representa a Comisión do Arco Atlántico. 

O evento polo aniversario tamén puxo en valor os logros acadados pola Comisión do Arco Atlántico nestes últimos 30 anos; desde a creación da entidade en 1989, pasando pola creación do Programa Atlántico en 1993 ou da Estratexia Atlántica da UE no 2011, ata o diálogo establecido en 2018 con Michel Barnier, principal responsable da UE nas negociacións co Reino Unido para a súa saída do proxecto europeo.  


A Comisión do Arco Atlántico 

A Comisión do Arco Atlántico (CAA) creouse no ano 1989 en Faro (Portugal) e é unha das seis comisións xeográficas da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas (CRPM). A CAA está integrada por rexións de cinco Estados (España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido), desde Andalucía ata Escocia. Trátase dun espazo de cooperación dinámico creado para promover todo o potencial das rexións atlánticas e afrontar os seus principais retos desde unha perspectiva política, social, económica e medioambiental conxunta. Con cerca de 60 millóns de habitantes, as rexións da CAA representan ao 12% da poboación europea. Actualmente, a Comisión do Arco Atlántico está presidida pola rexión francesa de Pays de la Loire.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias