El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | UNIVERSIDADE DE VIGO

A Deputación e a Universidade de Vigo crean a cátedra "Feminismo 4.0"

10-06-2019 22:26:37
Presentado a cátedra Feminismo 4.0.

Pontevedra | Cun brinde pola igualdade, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, en compañía de colectivos e asociacións de mulleres da provincia, relacionadas coa cultura e a igualdade, deron hoxe no Pazo de Castrelos, en Vigo, o pistoletazo de saída á cátedra “Feminismos 4.0” da Universidade de Vigo. Silva e Reigosa, cualificados pola directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo como “feministas convencidos”, enxalzaron a importancia desta cátedra para poder investigar e coñecer os problemas de desigualdade existentes e tamén para visualizar e espallar a figura de grandes referentes femininas. 

Carmela Silva asegurou sentirse “emocionada” e “orgullosa” pola posta en marcha da cátedra “Feminismos 4.0” nun acto “que é o máis importante no que vou participar como presidenta neste 2019”. Deste xeito, a presidenta asegurou que a cátedra vai permitir “que a provincia de Pontevedra se converta nun referente en Igualdade, nun referente do compromiso máis fermoso que pode existir que é traballar para que nós, as mulleres, esteamos onde nos corresponde”. Silva reivindicou que “non hai nada máis importante que traballar para conseguir que máis da metade da poboación teña a metade de todo, que o planeta no seu conxunto conte co noso talento, que saímos do silencio e queremos dirixir o futuro e ter poder para emancipar ao mundo. E esta é a verdadeira revolución do século XXI”.  

Máis polo miúdo, a cátedra centrarase en aspectos relacionadas co coñecemento, coa ciencia, coa innovación e coa aportación das enxeñerías ao mundo. Neste aspecto, a presidenta amosou a súa preocupación por cifras que sitúan ás mulleres como o 25% das persoas que se matriculan en carreiras STEM. “O mundo vai seguir estando dirixido polo 75% dos homes que estudan esas carreiras ou están neses eidos de desenvolvemento e non podemos mirar cara outro lado. Temos que ter un firme compromiso para conseguir que as mulleres amosen interese polo que vai ser o futuro, xa que as grandes decisións económicas, sociais, políticas, de transformación se van tomar neses eidos e aí temos que estar as mulleres”, asegurou a presidenta.  

Xunto a estas cuestións, a cátedra de “Feminismos 4.0” tamén vai permitir coñecer o que se está a facer noutros lugares do mundo e visualizar a mulleres “que teñen aportando moito á historia nos eidos da innovación, das STEM, dos descubrimentos, estendendo referentes que é un dos grandes problemas existentes xa que as mozas non teñen referentes femininos”. 

Para o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, “a igualdade ten que estenderse en todas as capas da sociedade e esta ferramenta, a cátedra “Feminismos 4.0”, vai ser importante neste sentido, vai permitir construír un mundo mellor, unha sociedade máis xusta que ten que ser, como non, feminista”. Neste eido, o reitor amosou “unha certa preocupación xa que persoas mozas que deberían estar xa educadas en igualdade non o están. Aínda queda moito por percorrer para construír unha sociedade máis igualitaria”. 

Pola súa banda a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, asegurou que a cátedra “Feminismos 4.0” vaise converter no espazo destinado “ao fomento do pensamento crítico e feminista na sociedade dixital”. Gómez afondou na importancia do mundo dixital na sociedade actual, na presenza residual de mulleres no ámbito tecnolóxico, no machismo dixital, no carácter sexista dos algoritmos, nas censuras ou en novas formas de violencia sexual. Fronte a elo, a directora da Unidade de Igualdade amosou o seu desexo de que “a cátedra axude a hackear o patriarcado, formando persoas expertas que dende o feminismo esperten o sentido crítico da cidadanía e transformen o mundo nunha realidade máis xusta”.  

O acto de presentación da cátedra “Feminismos 4.0”, no Pazo de Castrelos, no que participaron colectivos relacionados coa igualdade da provincia de Pontevedra e do eido cultural, rematou cun brinde “pola felicidade e pola igualdade”. Amais, durante o evento interpretáronse varias pezas musicais a cargo de catro mulleres da orquestra “Vigo 430”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias