A
Fundación Lois Peña Novo entregou o pasado 27 de xuño en Soutomaior os
galardóns que recoñecen, desde hai 25 anos, a traxectoria vital e
profesional de persoas que empregan o galego na contorna das
administracións públicas. Nesta edición, o director do IGFAE e profesor
da USC Carlos Salgado recibiu o Premio Lois Peña Novo 2019 pola súa
coherencia, entrega e compromiso coa lingua galega na súa actividade
docente, altamente especializada, que o sitúan entre os mellores
científicos no seu campo nacional e internacionalmente. Tamén foron
premiados o Profesor Emérito da USC Manuel Bermejo Patino e a Maxistrada
Paz Filgueira Paz.
O
acto estivo presidido pola presidenta da Deputación Provincial de
Pontevedra, Carmela Silva Rego; o director xeral de Políticas Culturais
da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura
Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera
Ocampo; o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González
Martínez; e a catedrática de Dereito da USC, Alba Nogueira.
Tras
os discursos de agradecemento, o subdirector do IGFAE Abraham Gallas
recolleu o premio en nome de Carlos Salgado, ausente por atoparse no
Comité Asesor Internacional do congreso Initial Stages 2019, en Nova
York (EE. UU). No seu discurso, explicou que este era un premio á
normalidade e á visibilización de que se pode ser científico sen
renunciar a ser galego fora do ámbito persoal e familiar. Así mesmo,
destacou que para que o IGFAE se posicione como un referente
internacional en Física de Partículas facendo ciencia punteira,
obxectivo principal do instituto, debe darse a coñecer na súa contorna
máis próxima. Por iso, finalizou lembrando a importancia destas
distincións para poñer en valor o ámbito investigador e a necesidade de
que os científicos galegos non renuncien ao seu uso tanto dentro como
fóra de Galicia. Departamento de comunicación