El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Carmela Silva revalida a presidencia da Deputación

03-07-2019 15:47:34
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedr

PONTEVEDRA |  Unha economía sustentable baseada nunha forte aposta por políticas de transición ecolóxica e un cambio de sistema no que a igualdade sexa o motor necesario, serán dous dos eixos fundamentais que vertebrarán de xeito transversal o novo proxecto político que afronta desde hoxe o novo goberno da Deputación de Pontevedra que volve a presidir a socialista Carmela Silva. A presidenta provincial, que dirixirá de novo un goberno de coalición formado polos 13 deputados e deputadas do PSDG-PSOE e os 3 integrantes do BNG, tomou posesión do seu cargo na sesión constitutiva da nova corporación e relatou as principais liñas que marcarán as políticas provinciais dos próximos 4 anos.

Carmela Silva sinalou no seu discurso que “unha economía sustentable significa un novo tratamento de residuos sólidos, a recuperación dos espazos públicos para crear espazos de vida que poidan ocupar as persoas, a mobilidade sostible, a loita contra as emisións, implantar enerxías renovables, e o cambio do sistema para que a Igualdade sexa o motor no que as mulleres teñen que xogar un papel fundamental“. “Unha economía, dixo, que respecte o entorno e o patrimonio, tanto na industria, no turismo como en todos os sectores produtivos”

Silva agradeceu o apoio das deputadas e deputados, do seu partido “pola confianza depositada na miña persoa”, do BNG “pola súa xenerosidade para entender que son tempos de acordo e consensos”, e da cidadanía “que revalidou nas urnas o noso proxecto compartido, iniciado fai catro anos”. Neste eido, adiantou que para a vindeira lexislatura “o cambio será imparable para continuar transformando a provincia”. Así, a reelixida presidenta da Deputación detallou que os eixos nos que se asentará o proxecto serán a sustentabilidade e a igualdade como elementos transversais, globais e prioritarios a aplicar en todas as políticas públicas. Silva destacou que tamén continuarán a impulsarse políticas de apoio á diversidade, traballando para acadar a plena integración das persoas con diversidade funcional, e a defensa dos dereitos do colectivo LGTBIQ mediante a promoción de políticas de visibilidade e non discriminación.

A sustentabilidade marcará toda a acción do novo goberno “en consonancia coa transición ecolóxica, cos obxectivos dos ODS e coas propostas da ONU”. “Temos que dar resposta ao imparable cambio climático que xa é a cuarta causa de mortalidade no mundo e para iso a axenda medioambiental será unha das prioridades da Deputación, cun proxecto global e moi potente de medio ambiente que queremos pactar cos concellos”, asegurou Carmela Silva. Tamén incidiu na necesidade de apostar por un modelo económico sostible, produtivo e competitivo, unha economía comprometida co país e sen esquecer o respecto ao medio ambiente e aos dereitos das persoas”. Neste eido, a presidenta tamén se referiu á creación dunha “potente área de captación de fondos europeos” e a novas políticas de emprego e formación en colaboración coa universidade, apostando pola innovación e adaptación ás novas tecnoloxías. A presidenta provincial tamén adiantou que os procedementos de contratación incidirán na igualdade e sustentabilidade e no apoio de pequenas e medianas empresas.

Na súa intervención, Silva avogou “por políticas do século XXI que dean resposta ao que quere a cidadanía, fuxindo do ruído e da confrontación. Queremos construír provincia”. A presidenta subliñou que “imos consolidar o proxecto político creado e avanzar máis e con novas políticas, traballando para acadar o beneficio das veciñas e veciños de cada un dos concellos”. Nese senso avanzou que continuará a impulsar o Plan Concellos “coas mesmas pautas que en todas as nosas políticas, marcadas pola equidade, a transparencia e o reparto obxectivo dos recursos. Algo, dixo, que imos seguir demandando a todas as administracións para que actúen da mesma forma”. De feito, Carmela Silva dirixiuse aos alcaldes e alcaldesas da provincia. “Contan con nós para transitar por un camiño de progreso, partindo dos principios de corresponsabilidade, lealdade institucional e promoción do equilibrio territorial. Temos moitos retos compartidos e debemos ser capaces de responder a eles”. 

A presidenta tamén avanzou que durante os próximos catro anos o goberno provincial creará medidas para dar resposta ao despoboamento, “prestando unha atención integral a unha sociedade que envellece” e mirando cara a mocidade con novas políticas dirixidas á xuventude, “que segue a marchar fóra”.  En canto a turismo, Carmela Silva explicou que se ben nos últimos catro anos o proxecto principal foi a posta en marcha do Plan Estratéxico de Turismo, nos vindeiros catro anos apostarase polas TIC aplicadas ao sector. “Queremos ser protagonistas da revolución tecnoindustrial que está a transformalo todo e facelo situando ás persoas no centro das políticas, para mellorar a súa vida e crear unha provincia con máis dereitos”, destacou.

Amais, a presidenta provincial amosou a súa “esperanza” de que nos vindeiros catro anos a Xunta de Galicia asuma “as competencias que lle corresponden” e se ocupe de áreas impropias da Deputación como son a Escola de Enfermería, a Escola de Cantería, Príncipe Felipe, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e Mouriscade. Do mesmo xeito, avogou por unha mellor relación. “Espero que as cousas podan cambiar e que poderemos sentarnos a falar desde a lealdade institucional, pero a Xunta ten que facerse cargo das súas competencias”, sinalou.

Silva finalizou  cunha apelación directa á cidadanía da provincia con quen se comprometeu “a seguir traballando nunha administración con máis dereitos, máis transparente, colaborativa, dinámica e máis ligada aos problemas reais da xente”. A presidenta apelou “a unha escoita activa” na súa relación coa veciñanza. “No século XXI é fundamental que a cidadanía teña a capacidade de ser escoitada. Esta  Deputación está aberta para escoitar, para dar resposta ás súas demandas, para explicarlles e informarlles de cal é o noso modo de gobernar, de cales son as políticas que poñemos en marcha. Explicaremos as nosas decisións e contaremos moito, moito coa xente. Non somos nin seremos políticas e políticos de despachos”, rematou.

Pola súa banda César Mosquera, que revalidará a vicepresidencia do goberno provincial incidiu en dar seguimento ao proxecto iniciado, cun goberno de xestión eficiente e rápida, que rachou coa discrecionalidade e apostou por impulsar a equidade e dotar de protagonismo aos concellos. 


Unha toma de posesión multitudinaria  

No salón nobre, ateigado de público, Carmela Silva tomou posesión por segunda vez consecutiva como presidenta da Deputación. Unha vez proclamada, Silva amosouse especialmente emocionada pola presenza da súa familia, principalmente coa da súa nai e a do seu fillo que, por motivos ligados á súa actividade profesional, nunca puidera estar presente nun acto destas características. Xa unha hora antes do inicio do acto, ás 11.00, o público agardaba para entrar no salón de plenos e nas salas adxacentes con pantallas que tiveron que habilitarse para xerar espazos e seguir en directo a constitución da nova corporación provincial. 

En total, máis de 400 persoas se reuniron no Pazo provincial pertencentes a diferentes eidos da sociedade: autoridades civís e mandos militares, personalidades do eido da xudicatura, a cultura, do tecido asociativo, do mundo do deporte ou da universidade. Máis polo miúdo, concentráronse esta mañá alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras dos concellos da provincia, entre outros o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde de Vigo, Javier Pardo (o alcalde da cidade olívica atópase hoxe en Madrid). Tamén o delegado do Estado da Zona Franca de Vigo, David Regades, ao que a presidenta electa lle dedicou agarimosas palabras; a subdelegada do goberno en Pontevedra; deputadas e deputados nacionais e senadoras e senadores; o secretario xeral do PSdeG; o reitor da Universidade de Vigo e a directora da UNED, o presidente da Audiencia Provincial, o fiscal xefe da Audiencia, a maxistrada Decana de Pontevedra, o xefe de operacións da Policía Nacional, o inspector xefe da Policía Autonómica, o comisario xefe da Policía Nacional en Vigo, o subdirector xefe da Escola Naval de Marín, a directora do aeroporto de Vigo, o presidente da Confederación de Empresarios e o presidente do Cluster de Turismo de Galicia. Todas e todos eles, xunto a representantes de diferentes tecidos asociativos provinciais e do mundo cultural e deportivo, escoitaron, tamén coa axuda de dúas intérpretes de signos, as liñas de goberno esbozadas por Carmela Silva na proposta de candidaturas. 

Durante o acto, a ilustradora Isabel Seidel realizou en directo unha ilustración que servirá como agasallo para entregar a todas as deputadas e deputados como lembranza da toma de posesión. Ao remate do acto, o grupo Cinema Strings, integrado por profesoras e profesores do Conservatorio de Pontevedra, interpretou o Himno Galego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias