A Escola de Vela de Cabana de
Bergantiños acolleu hoxe a presentación dos proxectos impulsados na
cuarta edición do coworking da Costa da Morte, impulsado pola
Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a
Escola de Organización Industrial (EOI), e na que 23 emprendedores
recibiron formación e asesoramento á medida para o desenvolvemento dun
total de 19 proxectos empresariais.
Os novos empresarios optaron
pola oferta de servizos e produtos en diferentes ámbitos de actividade,
como os relacionados coa valorización de recursos do territorio, o
turismo activo e a hostalería; a agroalimentación baseada en produtos
artesanais; o desenvolvemento de solucións dixitais en sectores como a
enxeñería e a arquitectura; a asistencia e a conciliación familiar,
laboral e persoal; os coidado; a industria da saúde; e a oferta de
novas prestacións no sector do transporte, a comunicación e a
intervención social.
Nas catro convocatorias da aceleradora da
Costa da Morte levan participado ata o momento máis de 92 emprendedores
con 81 proxectos, dos cales 29 xa iniciaron a súa actividade
empresarial. Estes proxectos levan asociados a creación ou mantemento de
43 empregos. A iniciativa forma parte da rede coworking creada pola
Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo
Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans
empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.
Este
apoio da Xunta para o fomento do espírito emprendedor, sobre todo nos
concellos do rural, súmase aos programas que ofrece a Consellería de
Economía, Emprego e Industria como o Galicia Emprende e Galicia Rural
Emprende, que a través das súas últimas convocatorias achegarán axudas
por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e
emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns
de euros. Ademais, as iniciativas empresariais de nova creación teñen á
súa disposición apoios ao financiamento, como o programa de Instrumentos
Financeiros Innovadores (IFIs) do Igape ou o Fondo Galicia Iniciativas
Emprendedoras xestionado por XesGalicia.
Nestes días están a
finalizar tamén as accións de formación e asesoramento das últimas
edicións dos espazos coworking de Santiago de Compostela,
Celanova-Terras da Limia, Ferrolterra, A Mariña lucense, A Ribeira
Sacra, o Salnés e Ourense, nas que, en conxunto, se apoiaron 167 novos
proxectos de emprendemento. Durante os catro anos que leva en marcha,
esta rede de aceleradoras impulsou un total de 641 plans empresariais de
700 emprendedores.
A aposta da Xunta polo impulso e consolidación
de novas empresas consolídase a través da plataforma StartIN, coa que
se ofrece apoio integral ao emprendemento en todo o territorio, apoiando
nos últimos cinco anos máis de 1000 proxectos. Ademais da rede
coworking, esta iniciativa desenvolve as business factories dos sectores
da alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica
(BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos
eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa).