El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O Pazo Provincial acolle a nova exposición da federación Aspace

09-07-2019 18:30:25

Transmitir a naturalidade das relacións entre persoas con parálise cerebral, a súa afectividade e a realidade do seu día a día son os obxectivos da nova exposición que dende hoxe e ata o vindeiro día 19 pode visitarse no hall do Pazo Provincial. A Deputación de Pontevedra acolle por terceira ocasión a mostra itinerante que desde hai oito anos organiza a Confederación ASPACE e promove a Federación ASPACE-Galicia, e que neste caso recolle 30 imaxes do fotógrafo Chomi Delgado baixo o título “Tal día coma hoxe”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou ante os representantes do colectivo a un numeroso grupo de persoas usuarias dos centros de Amencer, o feito de que esta mostra fose o seu primeiro acto institucional do seu segundo mandato como “alcaldesa provincial”: “Non podía ser doutro xeito, porque as persoas van ser aínda máis o centro da actividade política” da institución provincial, apuntou. Silva agradeceu a ASPACE que traia ao Pazo Provincial “o máis digno que existe, as imaxes de persoas que reclaman igualdade e reclaman todos os seus dereitos, porque lles pertencen e corresponden, e custa moito adquirilos”. “Esta exposición –engadiu a presidenta provincial- cada mañá lembraranos a mi e a todas as persoas que entran por este Pazo que temos unha obriga: acadar que todos e todas podamos vivir sendo felices. E para ser felices temos que ter dereitos. Temos que fixar a atención e non mirar para outro lado ou pensar que nada se pode facer; todo se pode facer”.

A través das imaxes de Chomi Delgado, “fermosas, que transmiten, conmoven e amosan o mellor do ser humano, a nosa capacidade para abrazarnos, sorrirnos, querernos e tocarnos”, como subliñou Silva, “a mostra é acertadísima porque fala dos afectos”. “Non poderiamos vivir sen afectos; son os que marcan o que somos as persoas –sinalou-. A amizade, as relacións sexuais e de parella forman parte fundamental da nosa vida; todo o mundo ten dereito a telas en liberdade e sen que ninguén poña trabas, ao igual que a busca da familia. E todo o facedes cun sorriso. Amosades a persoas que loitan por ser felices”.

Pola súa banda, Mónica Touriño, presidenta da Federación ASPACE-Galicia, sinalou que a apertura desta mostra é o primeiro acto para celebrar o vinte aniversario do colectivo, que se cumpre este mes de xullo, así como a importancia que ten para a visibilización das persoas con parálise cerebral. “É tan importante que se vos vexa no día a día! –destacou-. É onde se reflicten temas tan importantes como a afectividade, fundamental na vida de calquera persoas e por suposto das persoas con parálise cerebral”.

As fotografías en branco e negro de Chomi Delgado –que no 2018 recibiu o premio Lux de Plata por unha das series das que está composta a exposición- son historias que se complementan entre si nas que os seus protagonistas buscan ser aceptados e non xulgados, e agrúpanse en tres temáticas: amizade, vida en parella e busca da familia. A idea e amosar o día a día das persoas con parálise cerebral e subliñar o feito de que máis alá da súa discapacidade, a súa vida afectiva é igual á de calquera outra persoa, así como potenciar a imaxe das persoas con esta patoloxía como cidadáns de pleno dereito e, ao mesmo tempo, resaltar as súas capacidades. A exposición pode visitarse ata o día 19 de luns a venres, en horario de 8 a 20 horas e ademais de Pontevedra visitará este ano outras dezaseis cidades españolas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias