O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, convidou hoxe aos galegos a ser partícipes na organización
dun “Xacobeo de 5.000 días” que permita, aseverou, amosar a mellor
Galicia da nosa historia. Logo da reunión da Comisión Organizadora
do Xacobeo 2021, Feijóo subliñou que tras 11 anos sen haber ano santo,
nos vindeiros 11 celebraranse tres, unha circunstancia que animou a
converter nunha oportunidade, abrindo unha era xacobea que comece desde
xa mesmo e que non remate o 31 de decembro de 2021, senón que se
prolongue nos seguintes anos ata conectarnos coa década seguinte. “E
sendo capaces, durante todo ese tempo –precisou-, de que Galicia sexa un
epicentro internacional no que amosarnos desde o punto de vista
cultural e turístico, coa repercusión social e económica”.
Durante
a súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que o máis importante é que
non se trata dun proxecto para un ano illado, senón que se trata dun
proxecto que comeza desde este momento e cun horizonte que mira a 2027 e
2032, os seguintes anos santos. Deste xeito, recordou que a situación é
semellante á que se viviu no seu día co Xacobeo 93; “e, por iso,
debemos poñer o mesmo interese e a mesma implicación para lograr que
volva ser un novo punto de inflexión na nosa historia”, recalcou.
Un Plan estratéxico dotado cun mínimo de 247,7 millóns
Con
este obxectivo, asegurou que unha das características máis importantes
do Plan estratéxico Xacobeo 2021 presentado hoxe é que está dotado con
recursos: cun mínimo de 247,7 millóns de euros. Grazas á antelación coa
que se está a traballar, xa se teñen investido máis de 33 millóns, cifra
á que agora se sumará o que investiremos neste novo período e que
suporá, como mínimo, os 247,7 millóns.
Feijóo aseverou que a Xunta
seguirá avanzando con esta folla de ruta para poder chegar ao 2021 coa
capacidade de afirmar que Galicia ten os maiores e os mellores
instrumentos para presentarse ao mundo non só nese ano, senón durante
toda a década, aproveitando tamén os Xacobeos 2027 e 2032 que virán a
continuación.
“Estamos a falar dunha folla de ruta que marque non
só o que imos facer senón tamén como o imos facer”, afirmou, ao tempo
que precisou que o ano santo non é a mera suma dunha serie de actos
relixiosos, programas culturais ou festexos, senón que é a oportunidade
de dar, todos, o mellor, para ofrecer xuntos a mellor Galicia. “Non só
no plano cultural e turístico senón en todos os sectores económicos e
ámbitos sociais, porque o Xacobeo é un motor cun efecto multiplicador
que debemos aproveitar ao longo de toda a próxima década”.
Un Xacobeo verde, innovador, familiar e mozo
Ao
respecto, aseverou que este plan estratéxico non podía ignorar os
obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir, resaltando
que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade, con
aquilo que máis o identifica: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a
gastronomía propia. “E neste sentido, a sustentabilidade e a calidade
deben ser obxectivos irrenunciables para que tanto os galegos como os
visitantes se sumen ao coidado e promoción da nosa riqueza”, explicou.
Así
mesmo, asegurou que será un Xacobeo innovador, capaz de promocionar
unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida
cos sectores emerxentes. E un Xacobeo familiar, que conxugue os
intereses e as visións de todas as xeracións e tamén de todos os
colectivos, garantindo que sexa accesible a todos, con independencia da
idade, da situación ou do lugar no que viva. “E despois dun longo
período de ausencia, estes anos santos, comezando polo 21, teñen que ser
unha oportunidade para que moitos dos nosos mozos que nunca o fixeron
desfruten esa experiencia pero tamén para que fagan as achegas da
Galicia que ven, da Galicia da próxima década, da Galicia do futuro”,
sentenciou.
O responsable do Executivo autonómico recordou que, ao
longo dos últimos anos, houbo un traballo útil que nos permite chegar
en mellores condicións e coas máximas expectativas. Nesta liña,
precisou que hoxe hai máis camiños, grazas ao recoñecemento oficial do
Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa, e tamén coa forza
renovada dos Camiños do Norte coa súa declaración como Patrimonio da
Humanidade. O que fixo posible que as rutas xacobeas estean máis
diversificadas, e que as alternativas ao Camiño francés estean medrando.
A
Catedral foi obxecto da maior rehabilitación integral da súa historia: a
fachada do Obradoiro xa está rematada e a restauración do Pórtico da
Gloria conseguiu incrementar aínda máis o atractivo da Catedral. Estase a
acometer a maior recuperación paisaxística dos máis de 1.500
quilómetros dos Camiños de Santiago, tanto ao seu paso por máis de 120
concellos como nas entradas en Santiago. O novo Centro de Acollida ao
Peregrino supón un lugar digno de recibimento aos miles de peregrinos
que chegan cada día, e que aínda se está a mellorar máis. Está a piques
de rematar completamente a mellora das instalacións do Monte do Gozo, e
un total de 12 albergues sumáronse á rede autonómica a maiores dos que
había no Xacobeo 2010. E eventos ligados a esta celebración, como o
Festival O Son do Camiño, estanse a consolidar.
Todas estas
melloras e a labor de promoción permitiron que, pese a non haber
xacobeos desde o ano 10, o espírito peregrino non fixese máis que
medrar, cun 20% máis de peregrinos hoxe que no último Ano Santo. E,
ademais, con dous importantes fitos: en 2012, por primeira vez o número
de peregrinos estranxeiros superou aos procedentes do conxunto de
España, ata o punto de que, neste momento, a porcentaxe é do 65 % fronte
ao 35%. E igualmente, en 2017 superouse a barreira psicolóxica dos
300.000 peregrinos (en 2018 foron 327.378).
A era Xacobea máis participativa que nunca
O
presidente da Xunta apelou á necesidade de traballar todos xuntos, “os
que estamos aquí, pero tamén de forma aberta para que o conxunto da
cidadanía se sume e abra unha era Xacobea, e máis participativa que
nunca”, matizou.
Sobre este punto, quixo trasladar, primeiramente,
o agradecemento a todos os que participaron na convocatoria O Teu
Xacobeo, que se resolverá esta mesma semana e que tivo unha gran
acollida. E agradeceu a presenza, na xuntanza, do Arzobispado de
Santiago, así como a súa colaboración para que os ámbitos civís e
eclesiásticos poidan converter cada ano santo nun éxito sen precedentes;
do Concello de Santiago, cunha gran responsabilidade para que a
acollida se produza nas mellores condicións de hospitalidade e
seguridade; da Fegamp e da Delegación do Goberno.
Así mesmo,
trasladou a intención de poder abordar co novo Goberno central
diferentes temas nos que é necesaria a súa participación, desde algúns
concretos como a recuperación dos BIC do Camiño ata outros máis xerais
como o papel que debe de ter nun proxecto que tamén interesa ao conxunto
de España.
O presidente do Goberno galego concluíu incidindo en
que a Xunta traballará con todas as forzas e todos os instrumentos para
que o período xacobeo que se abre sexa o mellor feito nunca. Non en van,
recalcou que o Xacobeo 2021 está chamado a ser o principio da Galicia
da nova década “e o pistoletazo de saída para as nosas ilusións e as
nosas expectativas comúns”. Por último, Feijóo confirmou que esta
mesma tarde o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 será remitido a todos os
grupos parlamentarios e o conselleiro de Cultura e Turismo pedirá a
comparecencia no pleno para explicalo.