El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | TERRA RÚSTICA

O prezo medio da terra rústica en Galicia medrou preto dun 12% no 2017 con respecto ao ano anterior

16-07-2019 16:27:48

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou hoxe, xunto ao director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e ao director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, o acto de presentación do informe anual sobre prezos e mobilidade da terra rústica. O documento foi presentado por Eduardo Corbelle, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Deste informe despréndese que o prezo medio deste tipo de terras en Galicia medrou case un 12% no 2017 (último ano do que se teñen datos oficiais). En concreto, o prezo medio pasou de 0,93 euros por metro cadrado no 2016 a 1,04 no 2017. Por tipos, o prezo nos terreos de monte aumentou máis dun 8%, ao pasar dos 0,59 aos 0,64 euros por metro cadrado. No caso das parcelas destinadas a actividade agraria ou gandeira, o que se denomina Superficie Agraria Útil, tamén medrou nun 29%, ao pasar dos 1,39 aos 1,79 euros por metro cadrado.Neste acto de presentación, o conselleiro destacou que Galicia conta cunha “terra excepcional para a produción agrogandeira e forestal” e avogou porque cada un destes usos teña o seu debido encaixe no territorio.

Por iso, explicou José González, a Xunta traballa en diferentes ferramentas para favorecer a súa mobilización. Entre eles, destacou a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra. Sobre esta norma, que se prevé levar ao Parlamento antes de fin de ano, dixo que pretende tres grandes obxectivos. En primeiro lugar, mobilizar grandes superficies en estado de abandono ou infrautilizadas, mediante os chamados polígonos agroforestais. En segundo termo, fomentar instrumentos de xestión conxunta da terra sen afectar á súa propiedade. En terceiro lugar, esta lei favorecerá, segundo o conselleiro, unha gran axilización dos procedementos de arrendamento a través do Banco de Terras, unha ferramenta que, ademais, se reforzará con medios e persoal. Do que se trata é de favorecer uns procesos de arrendamento “os máis rápidos posible e con todas as garantías”. Por último, engadiu o conselleiro, coa mobilización dos terreos acadarase tamén a finalidade de lograr “un rural máis resiliente aos incendios” e que “sirva ademais como foco de atracción para fixar poboación”.


Compravenda 

O documento presentado hoxe recolle o número de operacións de compravenda. En total, no 2017 houbo 39.669 operacións en toda Galicia, fronte ás 38.665 de 2016, o que supón un aumento de case 3%. Así, os datos mostran certa estabilidade no período 2008-2017, cunhas 40.000 operacións por ano. Respecto á superficie, foron 9.835 as hectáreas mobilizadas por procesos deste tipo en Galicia, a maioría relacionadas co monte, 6.388 hectáreas, fronte ás 3.448 de terreos agrarios. 

O informe tamén analiza a información a nivel local. Así, as maiores taxas de transferencia concéntranse na metade norte de Galicia, nas provincias de Lugo, da Coruña e na parte norte da provincia de Pontevedra. A situación é similar entre a superficie de uso agrícola ou gandeiro e a superficie de monte. A comarca máis activa en canto ao número de operacións é Ortegal, con 12.408 transaccións, na súa maioría relacionadas con parcelas de monte (9.145). Séguelle a Terra Chá con 11.866 transaccións que xa están moito máis equiparadas: 5.529 de monte e 6.337 de superficie agraria, sendo a comarca con máis operacións deste último tipo. En terceiro lugar estaría a comarca do Deza, con 8.472 operacións: 5.156 de superficie agraria e 3.313 relacionadas co monte. En canto ao prezo, o máis alto atópanse na comarca de Vigo con 8,13 euros/m2, seguido pola do Morrazo con 7,83 euros/m2 e pola do Salnés, con 4,92 euros/m2. 

En relación con estes datos, o conselleiro destacou que é preciso incidir na mobilización de terras en zonas como o interior de Lugo, sobre todo cara a montaña, polas “posibilidades que ofrece o valor engadido da produción de castaña, así como, especialmente, en toda a provincia de Ourense”. Este é o segundo ano que se desenvolve este estudio elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras. Grazas a este tipo de información, a Xunta é coñecedora de como evoluciona o mercado e pode decidir cara onde deben ir as políticas públicas para mobilizar terras agrarias, co fin de aumentar así a base territorial das explotacións e incentivar a actividade forestal. Todo isto coa finalidade última de dinamizar o rural galego, potenciar os recursos económicos e fixar poboación. 

O Observatorio Galego da Mobilidade de Terras naceu en 2016 grazas a un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) -ambos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural-, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudios del Territorio, a Fundación Juana de Vega e a USC. Este observatorio converteuse nun gran avance xa que constitúe un instrumento fiable e rigoroso para a análise do movemento de terras na nosa comunidade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias