VIGO | O director da Axencia Galega da Industria
Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou hoxe as instalacións da nova
sede institucional e de I+D da Universidade de Vigo, que emprega as
últimas técnicas no tratamento da madeira. O deseño deste edificio, a
cargo de Abalo Alonso Arquitectos, conta cunha innovadora metodoloxía
construtiva para o tratamento do material empregado, despregando unha
estrutura de madeira contralaminada para todas as instalacións.
A
construción deste edificio enmárcase no convenio asinado o pasado mes de
marzo entre Xunta, a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito e a
Universidade de Vigo para fomentar o emprego mellorado da madeira e da
pedra natural autóctonas, contribuíndo á desenvolver a innovación, a
competitividade e a internacionalización das empresas galegas. Deste
xeito, Lema Piñeiro salientou que o obxectivo deste plan é “converter a
industria forestal na panca de impulso da bioeconomía”, e garantir así
unha expansión do tecido madereiro galego, un sector que medrou un 7,7%
en 2018 sumando uns beneficios de máis de 920 millóns de euros.
Xunto
coa industria extractiva, a contribución deste eido á creación do
emprego é absoluta para toda Galicia, con 90.000 familias da Comunidade
vencelladas á industria forestal e á minaría, cunhas actividades que
representan o 2,5% do PIB galego.
Este plan promove a colaboración
en materia de innovación tecnolóxica, favorecendo o intercambio de
información e a transferencia de coñecemento; deseñar e xestionar
actuacións conxuntas dedicadas a promover e divulgar o uso e
desenvolvemento de novas tecnoloxías de aplicación destes materiais; e a
fomentar conxuntamente o establecemento de redes de innovación e I+D,
así como os consorcios público-privados de innovación colaborativa. O
obxectivo é converter a madeira nun elemento estrutural da construción.
Visita ás instalacións
A
visita pola nova sede contou coa presencia de membros do Colexio
Oficial de Arquitectos de Galicia, aos que se lles pormenorizaron os
aspectos técnicos máis senlleiros das características da edificación en
contralaminado. A visita estivo liderada polos propios responsables do
deseño, os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.
Deste
xeito, este edificio constitúe o paradigma dun compromiso coa eficiencia
enerxética, a sustentabilidade e os materiais autóctonos e a proba das
posibilidades da madeira como valor das novas técnicas construtivas.