El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

VACINA AOS NENOS DE 12 ANOS

Comeza a nova vacina contra o virus papiloma

22-07-2019 09:36:45

A Consellería de Sanidade comezará a administrar a nova vacina nonavalente contra o virus do papiloma humano (VPH) ás nenas galegas de 12 anos a partir de hoxe. Esta nova vacina substitúe no calendario infantil á vacina bivalente que se está a administrar na actualidade, xa que aporta un 10% máis de prevención de casos de cancro, ao protexer de forma directa fronte a 7 xenotipos oncoxénicos, e ademais protexe das verrugas xenitais.

Deste xeito, e segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, as nenas que cumpran 12 anos, e que aínda non tiveran iniciada a vacinación fronte ao VPH, recibirán dúas doses da nova vacina nonavalente, cun intervalo mínimo entre ambas de cinco meses. Se a pauta se inicia nas maiores de 14 anos, as doses a recibir serán tres.

En pautas xa iniciadas, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacina, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as pautas marcadas en cada caso por Sanidade.

Ademais, seguindo as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, o departamento sanitario autonómico que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, amplía ata os 45 anos a indicación da vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido (TOS) ou de proxenitores hematopoéticos (TPH). Tamén se recomenda a administración da vacina en mulleres, de calquera idade, con tratamento excisional de cérvix. En todos estes casos, a pauta de vacinación será de 3 doses, independentemente da idade.

As vacinas deberán solicitarse seguindo o procedemento habitual e axustándose ás necesidades da poboación de 12 anos usuaria do punto de vacinación e á demanda para a poboación en risco desta enfermidade.

A vacinación fronte ao VPH entrou a formar parte do calendario do Programa Galego de Vacinación en setembro de 2008, para todas as rapazas nadas a partir do 1 de xaneiro de 1994. Esta vacinación vaise adaptando ás novidades técnicas e loxísticas que van xurdindo, así como á pauta e a idade de administración. Subliñar que o virus do papiloma humano é o responsable do 5% dos casos de cancro, principalmente do cancro cervical, pero tamén doutros como o de vulva, vaxina, pene, ano e orofarinxe, de aí a importancia da súa prevención.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias