O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, anunciou hoxe que o Museo Centro Gaiás da Cidade da
Cultura inaugurará o 8 de novembro Galicia, un relato no mundo,
a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 2021, un proxecto
que aborda as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia
do mundo desde a prehistoria ata a actualidade.
Entre as máis de
300 pezas que reunirá esta ambiciosa mostra, o conselleiro avanzou que
se poderán contemplar obras que nunca antes se exhibiron en Galicia, cun
elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a
cultura e a identidade galega no marco histórico internacional.
Neste
senso, adiantou que a Xunta vén de chegar a un acordo co Trinity
College de Dublín para que por vez primeira saia de Irlanda o Libro das Invasións,
obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe
lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia (cidade
tradicionalmente identificada polos historiadores como A Coruña) e
figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar
de Breogán. O Libro das Invasións é parte do Book of Leinster
–unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa– e,
bebendo de fontes bíblicas, mitolóxicas e de autores cristiáns, dá conta
da invasión de Irlanda por diferentes pobos entre eles os
conquistadores procedentes de Brigantia.
Do mesmo xeito, o titular
de Cultura informou dun acordo de préstamo asinado coa Cambridge
University-Parker Library en virtude do cal poderá contemplarse, tamén
por primeira vez en Galicia, o Mapa de Sawley.
Considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, da
época do Pórtico da Gloria (século XII), a obra representa a Catedral de
Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en
maior tamaño que a Basílica de Roma. Isto dá unha idea moi precisa da
relevancia de Compostela durante unha época coñecida como a Era
Compostelana, un período de especial florecemento cultural, económico e
institucional.
O anuncio de que estas obras viaxarán a Galicia prodúcese despois de que se confirmara que a exposición exhibirá dous códices calixtinos: o da Biblioteca Vaticana e o da Universidade de Salamanca, e que contará tamén co Cancioneiro da Vaticana, que xunto ao Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa constitúen o corpus máis valioso da lírica medieval galaico portuguesa.
Entre outras moitas pezas, este proxecto cultural ofrecerá a posibilidade de contemplar tamén o Itinerario de Exeria,
manuscrito procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia que relata a
peregrinación desta aristócrata galaicorromana, considerada a primeira
escritora coñecida da Península Ibérica. Xunto a ela estará ademais o
guerreiro de Lesenho, peza central para entender a Idade do Ferro no
noroeste da Península, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de
Portugal.
Cedidas de 80 institucións
A presentación de Galicia, un relato no mundo
tivo lugar esta mañá nun acto no Museo Centro Gaiás presidido polo
conselleiro de Cultura e Turismo e ao que asistiu Rosario Álvarez, a
presidenta do Consello da Cultura Galega –institución colaboradora da
mostra–, e o comisario da exposición, Manuel Gago Mariño. O anuncio
estivo arroupado tamén pola presenza do deán da Catedral de Santiago,
Segundo Pérez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a
directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o comité
científico asesor da mostra ao completo.
“A confianza depositada
por estas prestixiosas institucións, ao permitirnos expoñer obras de
incalculable valor tanto material como simbólico, demostra unha vez máis
o rigor transmitido por Galicia e as súas institucións no contexto
internacional”, destacou o conselleiro de Cultura e Turismo, quen
subliñou que a exposición reunirá obras cedidas por arredor de 80
institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América
como por suposto do resto de España e de Galicia.
Román Rodríguez
avanzou que as negociacións seguen adiante e que, ao longo dos vindeiros
meses, faranse públicas novas obras de enorme transcendencia na
historia de Galicia cuxos préstamos se están a ultimar con algunhas das
bibliotecas e museos de maior prestixio do mundo. Dun xeito especial,
fixo fincapé na relevancia de América Latina dentro do discurso da
exposición, con obras que se darán a coñecer proximamente.
Comisariado e comité científico
A
exposición, comisariada polo profesor, xornalista e divulgador Manuel
Gago Mariño, explora a profunda conexión do territorio histórico galego
con outros países, rompendo co mito de illamento e periferia, e poñendo
de relevo o seu impacto internacional. “Nun percorrido que nos leva
desde a prehistoria ata a actualidade, a exposición estrutúrase arredor
dos mitos, a historia, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en
diferentes épocas e contextos xeográficos”, explicou o comisario.
Xunto
ao comisario, o comité científico da exposición está integrado por José
Miguel Andrade Cernadas, profesor de Historia Medieval na Universidade
de Santiago de Compostela (USC); Beatriz Comendador Rey, profesora de
Prehistoria da Universidade de Vigo e membro do Grupo de
Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT); José
Manuel Costa García, profesor do Departamento de Arqueoloxía na USC;
Emilio Grandío Seoane, profesor de Historia Contemporánea na USC; Juan
Manuel Monterroso Montero, director do departamento de Historia da Arte
na USC; e Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de
Pontevedra. Ademais, o proxecto conta cun asesoramento especial na área
de Emigración por parte da profesora de Historia de América na
Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao. O Consello da
Cultura Galega colabora tamén con asesoramento especializado e o
préstamo de diversos fondos vinculados á diáspora e á emigración
galegas. Tamén presta a súa colaboración a este proxecto a Secretaría
Xeral da Emigración.
Unha viaxe interactiva
Cuestións como
as tendencias culturais e artísticas, as transformacións políticas, a
influencia de vías de comunicación históricas como a peregrinación a
Santiago de Compostela, os grandes movementos migratorios e a
internacionalización da economía galega serán aspectos moi presentes na
exposición, onde a tecnoloxía terá tamén un papel destacado.
Galicia, un relato no mundo
baséase na idea de exploración por parte dos usuarios que, a través de
solucións de montaxe gráficas e interactivas, deciden en cada momento
canta información queren recibir. Tecnoloxías como sensores de movemento
e presenza, sistemas inmersivos, proxeccións interactivas e realidade
aumentada terán un destacado peso na construción do relato expositivo.