A conselleira de Infraestruturas e
Mobilidade, Ethel Vázquez, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio
Abalde, asinaron hoxe un convenio para impulsar a innovación no
desenvolvemento dun novo modelo de depuración de auga no rural, coa fin
de que sexa máis eficiente e sostible e de que se integre correctamente
no territorio.
No acto de sinatura, celebrado no Reitorado da
Universidade da Coruña, Ethel Vázquez explicou que con este acordo se
promove un proxecto de investigación no que se realizará unha diagnose
da situación actual e, a continuación, se establecerán as liñas de
acción para optimizar a depuración nos núcleos rurais.
O
investimento total neste proxecto é de 200.000 euros, dos cales a Xunta
achegará o 70%. O convenio desenvolverase a través dun grupo de traballo
coordinado do que formarán parte persoal de Augas de Galicia e do Grupo
de investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da
Universidade da Coruña, unha unidade cunha destacada traxectoria na
diagnose, planificación e busca de solucións innovadoras e sostibles no
ámbito dos sistemas da auga. Ese grupo de traballo buscará
establecer unhas directrices estratéxicas para o saneamento no medio
rural de Galicia, ademais de fixar ferramentas e metodoloxías de apoio
para a súa implantación.
A conselleira detallou que se trata de
explorar sistemas alternativos para o saneamento e a depuración de augas
no rural, procurando evitar o elevado custo enerxético e territorial
que ten a extensión de quilómetros e quilómetros de colectores con
bombeos, especialmente tendo en conta a dispersión dos núcleos en
Galicia. Ese sistema, destinado a concentrar nun único punto o vertido
de augas residuais, está máis adaptado ás realidades urbanas, e ten a
complexidade engadida de requirir, para a súa correcta xestión, de
persoal especializado. Para atender as necesidades de saneamento
no rural, a través deste convenio analizaranse tanto novas alternativas
como sistemas xa existentes, tales como os humedais artificiais ou as
microfitas flotantes, sempre co obxectivo de adaptar o método de
depuración á cada realidade contaminante.
Ethel Vázquez sinalou
que o departamento que dirixe, a través de Augas de Galicia, traballa
desde hai tempo para garantir unha correcta xestión do ciclo integral da
auga, non só para a execución de infraestruturas, senón tamén coa
prestación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, de
competencia municipal. Indicou que a extensión total destes
servizos a todo o conxunto da poboación é un dos grandes desafíos que
deben compartir todas as administracións e no que deben implicarse tamén
as deputacións provinciais.
Vázquez Mourelle apuntou aquí que,
pese a ser unha competencia municipal, desde o ano 2009 a Xunta
mobilizou máis de 1.000 millones de euros en infraestruturas
hidráulicas, conseguindo fitos tan relevantes como que o 90% das
aglomeracións urbanas cumpran a directiva europea de depuración de
augas, fronte ao 50% de hai 10 anos. E puxo como exemplo, os 100 millón
de euros investidos na ría do Burgo, na Coruña, e a súa incidencia
positiva na calidade das augas, permitindo incluso abrir os bancos
marisqueiros, un fito conseguido tamén na ría de Ferrol.
A
conselleira sinalou que con proxectos como este por toda Galicia, neste
momento se pode afirmar que o saneamento de todas as rías galegas está
feito ou está planificado no curto prazo. E salientou que agora o
departamento que dirixe entende que é preciso seguir avanzando, e dar un
paso máis para que os pequenos núcleos rurais poidan contar tamén con
sistemas de saneamento adecuados e eficaces.